Augas de Galicia apela á acción municipal para reducir fugas e mellorar redes: "Facer encoros é o último recurso"
Augas de Galicia apela á acción municipal para reducir fugas e mellorar redes: "Facer encoros é o último recurso"
Insiste en avanzar cara á xestión mancomunada: "Que un alcalde teña que ir ao despacho doutro pedir auga non ten sentido"
Imaxe de arquivo do encoro de Baíña en Baiona (Europa Press-Arquivo)
Augas de Galicia apelou este mércores á cooperación e responsabilidade das entidades locais para reducir as perdas nas redes de abastecemento, que son de competencia municipal, e para mellorar as conducións, á vez que mantén que facer novos encoros "é o último recurso".
Así o trasladou o director do organismo público, Roi Fernández, nunha comparecencia na comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galicia.
Roi Fernández pediu ás administracións públicas "responsabilidade e coherencia" con respecto á xestión da auga e á información, porque se están difundindo "contos". Un recurso tan importante, incidiu, non pode ser utilizado para a "confrontación" e os técnicos de Augas "merecen ser escoitados e respectados".
Tras insistir en que o abastecemento é unha responsabilidade municipal, defendeu o apoio técnico e económico que Augas de Galicia presta ás entidades locais para manter e mellorar as súas redes e infraestruturas hidráulicas. Así, sinalou que, aínda que a recadación polo canon xeral do auga é de entre 50 e 60 millóns de euros, os investimentos realizados suman 100 millóns e chegan a 150 millóns con mobilización de fondos europeos.
Tamén apuntou que se "bota de menos" máis implicación "dalgunha Deputación" e da propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Reducir as perdas
Porén, lamentou que os investimentos municipais non están a ser suficientes e que as perdas nas redes seguen sendo elevadas, a pesar de que a lei pon o límite no 20%. Así, puxo o exemplo de Vigo, e sinalou que o propio plan municipal de 2024 recoñece que non puido baixar dese límite (aínda que o alcalde, Abel Caballero, insiste en cifrar as fugas nun 6%).
A esas perdas súmanse outros problemas, como detraccións de auga non controladas ou mesmo concellos "que non cobran a auga". Igualmente, lamentou que algúns municipios sexan remisos a adoptar medidas en plena seca.
Roi Fernández defendeu que a Xunta está a traballar na planificación e análise da situación para poder garantir a subministración, e lembrou que está a estudar a captación de augas subterráneas ou fomentando a reutilización en procesos industriais ou no sector primario.
Pero, engadiu, facer novos encoros "é o último recurso", e así o sostén tamén a propia directiva europea ou os expertos das universidades. "O primeiro é actuar nas redes", reiterou.
Xestión mancomunada
O director de Augas de Galicia insistiu en que o actual modelo de concesión dos servizos de abastecemento que rexe nas grandes cidades é menos eficiente e permite situacións "raras" como que as melloras de contrato, "despois de cobrarlles a auga a todos", "só reverten nun concello".
Segundo Roi Fernández, debe haber unha coordinación con todos os municipios que se abastecen dun sistema "e para iso están as mancomunidades e consorcios".
Nese sentido, cualificou como "anacrónico" que "un concello patrimonialice" un recurso como a auga, e que cidades como Vigo ou Pontevedra "vendan" á auga aos concellos da súa área. "Que un alcalde teña que ir ao despacho doutro pedir auga non ten sentido", engadiu, lembrando que se trata dun recurso público e esencial.
Críticas da oposición
Na comisión parlamentaria, o BNG lamentou que a Xunta non conte cunha política de abastecemento de auga "á altura do desafío", senón que se limite a acometer accións "dispersas" e a facer "propaganda institucional", mentres a conselleira de Medio Ambiente "fai declaracións sempre incendiarias".
A deputada nacionalista, Montserrat Valcárcel advertiu de que non se coñece o balance do Plan de Abastecemento presentado en 2010 e cuxa vixencia acabou en 2025, e que tampouco se chegou a avanzar no chamado Pacto Local da auga anunciada en 2013, e urxiu prazos, investimentos e compromisos "porque a seca non espera".
Pola súa banda, Aitor Bouza (PSdeG) acusou o Goberno galego de utilizar o canon da auga para favorecer os concellos gobernados polo PP, que levan "8 de cada 10 euros" nos investimentos, sen aclarar que criterios se seguen para decidir o destino dos fondos. "A opacidade é o resumo da súa xestión", espetou ao director de Augas de Galicia.
O parlamentario socialista repetiu a proposta do seu grupo, de que polo menos o 50% do recadado co canon en cada concello, volva a ese municipio en forma de investimento, e cuestionou que Roi Fernández "emenda" a conselleira de Medio Ambiente, ao soster que facer encoros é "o último recurso".