Irán di que paraliza os contactos cos EUA polos ataques no Líbano, pero Trump asegura que seguen "a ritmo acelerado"
Irán di que paraliza os contactos cos EUA polos ataques no Líbano, pero Trump asegura que seguen "a ritmo acelerado"
“O cesamento do fogo entre Irán e os Estados Unidos é, sen lugar a dúbidas, un cesamento do fogo en todas as frontes, incluído O Líbano”, dixo en X o ministro iraniano de Exteriores
Ameaza con bombardear Israel se continúa a ofensiva no Líbano
Trump afirma que Irán non informou os Estados Unidos da suspensión das negociacións
REUTERS/Amir Cohen
Irán paralizou as negociacións de paz cos Estados Unidos polos ataques israelís contra o Líbano, informou este luns a axencia Tasnim, vinculada á Garda Revolucionaria iraniana.
Tasnim asegurou que ata que non haxa un fin das hostilidades no Líbano “non haberá diálogo”.
As autoridades iranianas insistiron ao longo da xornada en que o alto o fogo en vigor cos Estados Unidos desde o 8 de abril inclúe o Líbano, país que está a ser duramente atacado por Israel e este mesmo luns o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, anunciou bombardeos contra Beirut.
“O cesamento do fogo entre Irán e os Estados Unidos é, sen lugar a dúbidas, un cesamento do fogo en todas as frontes, incluído o Líbano”, dixo en X o ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí.
Araqchí considerou que a violación do cesamento do fogo establecido o 8 de abril “nunha soa fronte constitúe unha violación do cesamento do fogo en todas as frontes”.
E afirmou que “os Estados Unidos e Israel son responsables das consecuencias de calquera violación”.
Pouco antes o presidente do Parlamento e negociador xefe iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf, advertiu de que os Estados Unidos e Israel pagarán polo que Teherán considera o incumprimento da tregua no país árabe.
“Toda decisión ten un prezo, e chega o momento de pagar a factura”, asegurou en X este luns.
Irán advirte que se Beirut é bombardeado atacará Israel
O Exército iraniano iraniano advertiu este luns aos residentes do norte de Israel que abandonen a zona se o Estado xudeu ataca o barrio de Dahye da capital do Líbano tal e como ordenou o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.
“Se se leva a cabo esta ameaza (o ataque contra Dahye), advertimos aos residentes das zonas do norte (de Israel) e dos asentamentos militases nos territorios ocupados que abandonen a zona para evitar danos”, indicou o Comando Unificado de Operacións Khatam al-Anbiya.
Esa orde segue a unha intensificación da ofensiva israelí en territorio libanés e despois de que o domingo tropas de Israel tomaron o castelo medieval de Beaufort, unha posición estratéxica no sur do Líbano e ao norte do río Litani.
Estas novas tensións prodúcense no medio das negociacións entre os Estados Unidos e Irán para poñer fin á guerra.
A finais da semana pasada informouse de que Teherán e Washington alcanzaran un preacordo, só pendente da aprobación do presidente estadounidense, Donald Trump, pero medios estadounidenses afirmaron máis tarde que o mandatario pediu emendar algunhas disposicións do borrador.
No medio destas negociacións Irán e os Estados Unidos volveron intercambiar ataques esta madrugada, co bombardeo estadounidense a Goruk e á illa de Qeshm e a resposta iraniana contra a base desde a que procedeu o ataque.
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, dixo que Irán non informou Washington dunha eventual suspensión do diálogo entre ambos os países. Malia todo, quixo sair o paso desas afirmacións, aegurando que os contactos continúan "a ritmo acelerado".
O mandatario subliñara horas antes que, malia todo, iso non implicaría a ruptura da fráxil tregua no conflito.
"Iso non significa que vaiamos ir e empezar a lanzar bombas por todas partes", advertiu Trump, quen adiantou que manterán o bloqueo naval fronte ás costas iranianas co que buscan presionar Teherán, que, como represalia, mantén interrompido o tráfico no estratéxico estreito de Ormuz.