Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán ataca Israel como represalia pola ofensiva xudía contra o Líbano

Irán ataca Israel como represalia pola ofensiva xudía contra o Líbano

O Exército hebreo asegura que interceptou con éxito once mísiles lanzados pola República Islámica

Ataque iraniano visto dende Ashkelon (Israel). REUTERS/Amir Cohen Ataque iraniano visto dende Ashkelon (Israel). REUTERS/Amir Cohen
G24.gal 07/06/2026 22:16 Última actualización 07/06/2026 23:03

Irán lanzou este domingo varias vagas de mísiles contra Israel como represalia polos ataques do Estado xudeu contra o Líbano, segundo informa a televisión estatal iraniana IRIB

O medio oficial amosou mísiles sobrevoando o ceo na provincia occidental de Kermanshah e de persoas celebrando a nova ofensiva nas rúas. Mentres, o ministro de Exteriores, Abás Araqchí, publicaba na súa conta de X unha imaxe da bandeira iraniana e a do Líbano.

Teherán xa advertira que ía reaccionar se Tel Aviv continuaba cos bombardeos contra Beirut, ao considerar que o cesamento do fogo alcanzado cos Estados Unidos o 8 de abril inclúe a nación árabe.

O presidente do Parlamento e negociador xefe iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf, afirmou este domingo que os ataques de Israel contra o Líbano converten as bases de ambos os dous países en obxectivos lexítimos.

"O bloqueo naval contra a nación iraniana e a luz verde que hoxe lle deu os Estados Unidos ao réxime sionista converten as bases e os activos estadounidenses e do réxime na rexión en obxectivos lexítimos", dixo en X o político e ex xeneral da Garda Revolucionaria.

O portavoz da Comisión de Seguridade Nacional do Parlamento iraniano, Ebrahim Rezaei, dixo que Irán responderá "con firmeza e dureza" ao ataque de Israel contra o barrio de Dahye da capital do Líbano, rexistrado horas antes.

Este bombardeo é o primeiro desde que o Líbano e Israel acordaran o mércores un alto ao fogo condicionado ao cesamento dos ataques e sen presenza de Hezbollah, aliado iraniano que rexeitou a proposta e volveu chamar ás autoridades locais a abandonar as negociacións.

Os ataques coinciden coa chegada a Teherán do ministro do Interior de Paquistán, Mohsin Naqvi, para entregar unha "mensaxe especial" para o líder supremo, Mojtaba Jameneí, relativo ás estancadas negociacións de paz entre Irán e os Estados Unidos.

Teherán esixe que acaben os ataques contra o Líbano como parte do proceso de negociacións para alcanzar un acordo que poña fin á guerra iniciada en febreiro e permita a reapertura do estreito de Ormuz, unha vía clave para o comercio mundial de petróleo e gas.

Edificio danado en Beirut polas bombas. REUTERS/Mohamed Azakir Edificio danado en Beirut polas bombas. REUTERS/Mohamed Azakir

Mísiles interceptados

O Exército israelí asegurou interceptar con éxito todos os mísiles lanzados na noite deste domingo por Irán, un total de once. Como medida preventiva, canceláronse todas as actividades educativas presenciais e limitáronse as reunións deste luns.

"Permítense reunións de ata 200 persoas ao aire libre e ata 500 persoas en interiores, sempre que se poida acceder a un espazo protexido dentro do tempo dispoñible para chegar a un refuxio. As praias están pechadas ao público", informa un comunicado oficial do Comando da Fronte Interna, o organismo militar que establece as restricións de seguridade para a poboación.

Pola súa banda, o presidente dos EUA, Donald Trump, asegurou en Fox News que os ataques iranianos deste domingo "non axudarán ás negociacións" para acabar coa guerra. Malia e todo, pediulle a Teherán "volver á mesa" de diálogo e "chegar a un acordo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade