Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel e Irán recrúan os ataques e as ameazas nun momento de máxima tensión

Israel e Irán recrúan os ataques e as ameazas nun momento de máxima tensión

O intercambio de bombardeos estivo acompañado este domingo por serias advertencias de que ningunha parte vai ceder

Netanyahu confirmou a morte do xefe de Intelixencia da Garda Revolucionaria iraniana e do seu número dous en Teherán

Irán confirma 224 vítimas mortais por ataques israelís e case 1.500 feridos hospitalizados

directo Mísiles iranís interceptados en Tel Aviv. REUTERS/Ronen Zvulun
G24.gal 15/06/2025 20:22 Última actualización 15/06/2025 23:34

Israel e Irán intensifican os seus ataques e endurecen as ameazas nun momento de máxima tensión entre ambos os dous países. O intercambio de bombardeos estivo acompañado este domingo por serias advertencias de que ningunha parte tiña a intención de ceder. 

As Forzas Armadas iranianas aconsellaron á poboación xudía que "abandone os territorios ocupados (Israel)" para salvar a vida.

"Non deixedes que o réxime vos use como escudos humanos".

Pero á última hora deste domingo, o Ministro de Saúde de Irán confirmaba que o balance de vítimas mortais por ataques israelís desde o venres xa alcanzaba os 224 mortos.

Nunha mensaxe na rede social X Kermanpour publicaba as cifras oficiais informaba tamén de 1.481 persoas feridas hospitalizadas tras os bombardeos, entre as que se contan os mortos.

"Longa vida aos traballadores da saúde do país que cumpren o seu servizo sen descanso", engadiu o ministro da Saúde.

Pola súa banda, o Exército hebreo pediulle á cidadanía iraniana próxima ás plantas de fabricación de armamento que fuxan da zona e non regresen ata novo aviso.

"Irán pagará un alto prezo por matar civís, mulleres e nenos intencionadamente. Lograremos o noso obxectivo dun só golpe", asegurou o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu.

Edificio incendiado por un mísil iraní en Haifa. REUTERS/Rami Shlush Edificio incendiado por un mísil iraní en Haifa. REUTERS/Rami Shlush

Oitava vaga de mísiles contra Israel

Irán lanzou na noite deste domingo a oitava vaga de mísiles contra Israel en resposta ao seu ataque do venres pasado, segundo anunciou o Exército hebreo.

"As Forzas de Defensa de Israel (FDI) identificaron mísiles lanzados desde Irán cara ao territorio do Estado de Israel. Os sistemas defensivos están en funcionamento para interceptar a ameaza", aseguraron as forzas armadas.

Estes bombardeos alcanzaron polo momento tres edificios, dous no norte do país e un no sur.

"Rexístranse danos directos en dous edificios residenciais no distrito costeiro (noroeste). Ademais, infórmase de danos directos nun edificio residencial no distrito sur", informaron os bombeiros de Israel nun comunicado.

Os servizos de emerxencia actúan en Haifa. REUTERS/Shir Torem Os servizos de emerxencia actúan en Haifa. REUTERS/Shir Torem

Máis ataques sobre Teherán

Pola súa banda, Teherán sufriu este domingo novos ataques israelís, que alcanzaron o cuartel da sede do Ministerio de Exteriores, do Comando da Policía da capital e zonas residenciais, con varios feridos segundo fontes oficiais.

Ademais, cinco coches bomba estouparon este domingo na capital, segundo informa a axencia estatal IRNA.

"O réxime israelí está a facer detonar coches bomba en Teherán despois de que os sistemas de defensa antiaérea repeleran con éxito unha vaga de bombardeos", indicou o medio oficial.

Polo menos, catro efectivos da Garda Revolucionaria iraniana morreron nun ataque na provincia de Jorasán do Sur, informou a axencia Tasnim.

O ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí, afirmou que se Israel detén os ataques, Teherán deixará de bombardear o Estado xudeu.

“A nosa intención ao atacar os territorios ocupados (Israel) é puramente de defensa propia”, asegurou.

A cidadanía en Teherán prepárase para futuros ataques. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS A cidadanía en Teherán prepárase para futuros ataques. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS

Morte do xefe de Intelixencia da Garda Revolucionaria

O primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, confirmou este domingo a morte do xefe de Intelixencia da Garda Revolucionaria iraniana, Mohamad Kazemi, e do seu número dous, Hasán Mohaqeq, en Teherán. 

"Hai uns momentos alcanzamos o xefe de Intelixencia e o seu adxunto en Teherán, porque agora os nosos pilotos están sobre os ceos (da cidade) e estamos a atacar sitios militares e nucleares", manifestou Netanyahu nunha entrevista por videoconferencia coa cadea estadounidense Fox News.

Netanyahu afirmou que, "a diferenza" de Israel, Irán "está a atacar e a bombardear os nosos civís".

"Son un réxime terrorista. Non podemos permitir que Irán teña armas nucleares. A nosa intelixencia mostra que teñen a intención de dar estas armas aos seus aliados, os hutís". 

Na entrevista coa Fox, o primeiro ministro israelí insistiu en que Irán tiña un plan secreto para enriquecer uranio por riba dos niveis previstos para uso civil.

Neste sentido, asegurou que os servizos de intelixencia hebreos descubriron que Irán tiña suficiente uranio para construír nove bombas nucleares.

"Detivemos iso atacando os seus sitios nucleares. Atacamos os seus científicos nucleares, que son como os que tiña Hitler".

Netanyahu evitou confirmar que os Estados Unidos vetaran un plan de Israel para matar o líder supremo de Irán, Ali Jameneí, unha información que adiantou Reuters e confirmou Fox News. 

Ademais, referiuse ás conversas nucleares entre os EUA e Irán. Este domingo estaba prevista outra reunión que finalmente Teherán cancelou polos ataques israelís. 

"O presidente (estadounidense, Donald Trump) foi moi claro. (Irán) enganou a todo o mundo (...). Estamos dispostos a facer o que sexa necesario para eliminar dúas ameazas, a dos mísiles balísticos e a nuclear", sinalou. 

Trump no desfile do 250 aniversario do Exércitos dos EUA. REUTERS/Carlos Barria Trump no desfile do 250 aniversario do Exércitos dos EUA. REUTERS/Carlos Barria

Trump fala de paz

O presidente estadounidense, Donald Trump, asegurou que "pronto haberá paz entre Israel e Irán" e que os dous países "chegarán a un acordo".

"Pronto haberá paz entre Israel e Irán! Moitas chamadas e reunións están a ter lugar agora", escribiu na súa rede Truth Social.

Araqchí afirmou que ten "probas sólidas" de que as forzas dos Estados Unidos apoiaron a Israel na súa ofensiva militar contra Irán.

Inicio dos ataques

Israel comezou a bombardear a república islámica na madrugada do venres ao considerar unha ameaza os avances do seu programa nuclear e a manufactura de mísiles balísticos.

Desde entón, a súa aviación atacou infraestruturas militares (sistemas de defensa aérea, almacéns de mísiles balísticos... ) e plantas nucleares (como Natanz ou Isfahán).

En Irán, os ataques causaron máis dun cento de vítimas mortais, entre elas, integrantes da cúpula militar e científicos nucleares que traballaban nos proxectos de enriquecemento de uranio.

Mentres, en Israel morreron catorce persoas como consecuencia dos ataques iranianos, segundo o servizo de emerxencias nacional Magen David Adom.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade