Investigan a autoría das picadas das rodas dunha vintena de coches aparcados nunha gasolineira
Os vehículos foron estacionados polos propietarios da presunta empresa ilegal de aparcadoiro
A asociación de veciños e empresas desmárcanse do suceso, malia a crispación existente
A Policía Nacional investiga quen pode estar detrás das picadas de rodas que na madrugada do martes sufrían arredor de 20 vehículos que os propietarios da presunta empresa fantasma de aparcadoiro de coches deixaran estacionados no aberto dunha gasolineira da Lavacolla.
O abano de posibilidades é amplo, segundo os veciños e empresarios da zona.
Desde a asociación de veciños desmárcanse da autoría deste suceso a pesar da complicada situación que están a vivir coa parella.
Logo de que hai unhas semanas saltase toda a polémica sobre a presunta ilegalidade da actividade desta empresa, algúns apuntan a unha busca intencionada de protagonismo.
Televisión de Galicia tivo a oportunidade de falar cos titulares da empresa de aparcadoiro afectado, que declinaron falar ante a cámara sobre o suceso e se limitaron a dicir que son vítimas dun complot veciñal.
Polo momento non constan denuncias dos afectados polas picadas das rodas.