Investigan o destino da "barbaridade de fármacos" de Vilaboa
En prisión os líderes de dúas cédulas que supostamente traficaban con drogas e con medicamentos
Os fármacos apareceron nun chalé de Vilaboa, sede dunha asociación solidaria con Cuba: "Son doazóns"
Foron por prata e atoparon un tesouro.
"Detectouse unha persoa que estaba distribuíndo substancias estupefacientes en cantidades importantes e os resultados foron moi saisfactorios: cinco quilos de cocaína, algo de haxís, cartos en efectivo, tamén escopetas pero a principal novidade foron todos estes medicamentos", salienta o tenente xefe do EDOA da unidade orgánica da Garda Civil de Pontevedra.
"Unha barbaridade de medicamento", en palabras dos investigadores. Catro caixas de cartón de gran tamaño con máis de 150 fármacos diferentes.
"Había moitos antidepresivos, psicotrópicos de todo tipo. Atopamos Revotril, Lexatin, Lirica,..., aproximadamente dous mil blisters, de máis de 150 fármacos distintos", engade o tenente.
Estaban nun chalé de Vilaboa que figura como sede da Asociación Cubana Galega Haydee Santamaría. Unha entidade que naceu en 2014 e que no seu día se rexistrou no Concello de Vilaboa. Un ano estiveron. Dende 2020, non figura tal asociación. Pouco movemento tamén no seu Facebook. A presidenta é unha das persoas que ingresou en prisión a semana pasada, con outro suposto líder da trama.
"Dúas cédulas bastante organizadas e activas. Chegamos á conclusión de que están relacionadas. Por iso, forman parte dun único grupo criminal", confirma o xefe do EDOA.
Persoas relacionadas con esta muller e coa propia asociación aseguran que os medicamentos son doazóns para Cuba, posiblemente no peor momento do país. Os investigadores sospeitan.
"Cremos que os vendían a drogodependentes, tanto en liña como persoas que ían ao domicilio en cuestión para conseguir eses medicamentos. Tamén podían ser exportados ao estranxeiro", comenta o xefe do equipo de loita contra o narcotráfico da Garda Civil de Pontevedra.
Sería como ofrecer un dous por un. Operación importante e longa, de máis dun ano de traballo, con sete rexistros en Sanxenxo, en Poio e na propia Vilaboa. Unha dificultade engadida.
"É moi complexo traballar en vilas e núcleos porque os delincuentes detectan antes ás forzas de seguridade", conclúe o tenente xefe do EDOA.
O balance, nove detidos. Tres deles en prisión. Os dous supostos líderes e o fillo da cubana, pero el por outro delito anterior. O comisado, drogas varias, medicamentos, cartos en efectivo e armas.