Publicador de contidos

Publicador de contidos

Italia busca unha decena de desaparecidos en Ischia e recupera un cadáver

Italia busca unha decena de desaparecidos en Ischia e recupera un cadáver

As autoridades aseguran que non poden confirmar máis vítimas mortais mentres seguen as operacións de rescate 

Produciuse un corremento de terras e cedeu parte dunha montaña sobre unha pequena localidade da illa

As chuvias torrenciais deixaron sen luz nin auga un cento de persoas

Imaxe de Ischia difundida polos bombeiros de Italia
G24.gal 26/11/2022 11:00 Última actualización 26/11/2022 21:38

Varias persoas desapareceron debido a unha forte riada e un corremento de terra na illa italiana de Ischia. O resultado provisional dos traballos de busca mantense agora nun morto e unha decena de desaparecidos. O ministro do Interior Matteo Piantedosi, corrixiu  a cifra de polo menos oito mortes dada anteriormente polo ministro de Infraestruturas, Matteo Salvini.

"Os traballos seguen en curso pero entorpecidos polas condicións meteorolóxicas", engadiu o xefe da Protección Civil, Fabrizio Curcio, que vaticinou unha noite de busca "complicada".

A illa de Ischia, en fronte do Golfo de Nápoles, rexistrou esta noite choivas torrenciais que provocaron inundacións e un grave corremento de terra que arrastrou violentamente todo ao seu paso no municipio de Casamicciola, na súa cara norte. Unha parte dunha montaña cedeu e alcanzou varias casas da localidade, que están a ser rastrexadas con moito esforzo e moitas  dificultades polos equipos de emerxencia, reforzados con unidades chegadas desde Nápoles e doutros puntos.

Entre os desaparecidos hai tres membros dunha familia, cun neno pequeno, e unha estudante estranxeira de 25 anos, cuxa nacionalidade non foi aínda confirmada, segundo os medios locais. Todos eles se atopaban supostamente nas casas asolagadas polo lodo, de acordo ás mesmas fontes.

Oito persoas das que ao principio non se tiñan noticias, foron localizadas vivas noutros puntos da illa, e unhas duascentas persoas tiveron que ser evacuadas e son asistidas nun estadio da localidade.

As primeiras imaxes que chegan da illa son de auténtico caos, con barrios enteiros arrasados polas rocas e árbores arrincadas de raíz, coches sepultados no barro e casas esnaquizadas, con decenas de edificios derrubados, polo menos vinte.

O alcalde de Ischia, Enzo Ferrandino, pediu á poboación que non abandonase os seus domicilios e lamentou "graves danos" na zona.

"É unha traxedia. O número de desaparecidos aínda é incerto en Casamicciola. Por mor do mal tempo na illa temos outras tantas situacións críticas", indicou.

Os socorristas tratan tamén de acceder ao hotel Terme Manzi de Casamicciola, onde permanecen sen poder saír algunhas persoas sen enerxía eléctrica. A primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, permanece en "contacto constante" co ministro para a Protección Civil e as Políticas do Mar, Nello Musumeci, e coas autoridades rexionais e expresou a súa proximidade nun comunicado aos afectados.

A illa de Ischia é unha das metas turísticas principais de Italia durante o verán e forma parte do arquipélago napolitano, de orixe volcánica e con pendentes pronunciadas, polo que adoita sufrir este tipo de corrementos, a última vez foi en 2009.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade