Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buscan un narcosomerxible na Arousa, tras o afundimento dun bateeiro con 11.000 litros de gasóleo

Buscan un narcosomerxible na Arousa, tras o afundimento dun bateeiro con 11.000 litros de gasóleo

Barállase a hipótese de que o somerxible xa estivese baleiro e esperase o combustible para volver

A tripulación non soubo dar explicacións

O helicóptero de Salvamento non localiza indicios de contaminación

Gardacostas limpan os residuos tras o afundimento (Elena Fernández/Europa Press)
G24.gal 11/02/2026 10:37 Última actualización 11/02/2026 12:26

O Nuevo Santa Irene, un bateeiro de 14 metros de eslora, afundiu este martes na ría de Arousa. Levaba once bidóns con combustible que caeron ao mar cando se produciu o afundimento e que os equipos de emerxencia conseguiron rescatar. Abordo do bateeiro ían tres persoas.

"Non sabían a matrícula do barco, non sabían quen era o patrón ata que un dixo que era el e unha terceira persoa case non falaba castelán. Preguntámoslle que lles pasara, se andaban ao mexillón e dixeron que eran un barco de Rianxo e que andaban probando motores", conta Pablo Méndez, xerente de Noroeste Sup e encargado do rescate. 

Mutismo sobre a identidade, e con razón, porque dous dos tripulantes son de Rianxo. Xente con drogopedenpencias que nunca foi ao mar. O terceiro é estranxeiro. Disque lituano. 
Tampouco deron datos da carga, que non era precisamente mexillón.

"Era anormal porque estabamos detectando no mar bidóns de combustible, bidóns de 1.200 litros de combustible", explica Amador Castro, Xefe de servizo de Gardacostas de Galicia

"Atopamos balsas salvavidas, traxes de supervivencia, cartóns de tabaco, víveres, cousas que un barco bateeiro non leva a bordo. Cheira a combustible, cheira un pouco raro", engade Méndez

Demasiada carga para ir ao mexillón. Todo apunta a que agora mesmo na ría hai un somerxible, o que se chama un narcosubmarino, que son os que usan gasóleo. Barállase a hipótese de que xa descargaron, de que a cocaína xa está en terra, e que precisan o combustible para volver.  É o que se fai agora: viaxe de ida e volta. 

"Moi factible que estea dentro da ría, acazapado, medio camuflado, esperando a que lle cheguen subministracións para poder saír", especula Méndez pola súa experiencia noutros narcosubmarinos. 

Confírmase polo dispositivo dirixido pola Garda Civil de Pontevedra pero no que participan todos os corpos das forzas de seguridade relacionados co mundo do narcotráfico. Á espera de como avance a investigación, os tres tripulantes quedaron en liberdade. 

O Nuevo Santa Irene foi vendido ante notario hai un tempo e levado ao porto de Rianxo. Ademais, a embarcación "non causou baixa" no rexistro de buques do Estado e tiña os certificados caducados desde 2024, polo que "tampouco dispoñía de despacho".

O helicóptero de Salvamento non localiza indicios de contaminación

O helicóptero Helimer de Salvamento Marítimo, con base en Santiago de Compostela, non localizou indicios de contaminación tras voar sobre a ría de Arousa no marco dos labores de vixilancia tras o afundimento do bateeiro.

A aeronave, que comezou o voo sobre as 18.00 horas deste mércores, dirixiuse cara á zona, onde efectuou un amplo patrón de busca sobre a contorna comprendida entre O Grove, a Illa de Arousa e a área central da ría, fronte a Vilanova.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade