Intento de agresión nunha pensión de Ribeira
Un cliente quería agasallar con haxix o recepcionista e tiveron unha lea
Dous homes e unha muller chegaron a este establecemento hoteleiro de noite e pediron dous cuartos. Parecía que beberan algo de máis. Ata aquí non houbo nada fóra do normal. Xa lle cubrira a ficha de identificación a un deles e tiñan os cartos enriba do mostrador, cando un deles sacou un anaco de haxix e díxolle ao recepcionista que era un agasallo para el.
Inmediatamente pediulles que collesen os cartos e que marchasen porque no establecemento non aceptaban ese tipo de comportamentos nin o consumo de drogas. O home enfadouse cando lle dixeron que tiñan que marchar e comezou a discutir. A muller do dono chamou a policía. O compañeiro tratou de calmalo, pero, debido a que estaba bébedo, colleu o recepcionista por unha manga e resgoulle un anaco de xersei.
Finalmente os tres saíron do local e ninguén acabou mancado. Presentouse unha patrulla da Policía Nacional xunto con outra da Local. Contáronlles o que acontecera e finalmente dixeron que non querían poñer unha denuncia a non ser que esas tres persoas volveran por alí, cousa que non aconteceu.
"Non presentamos denuncia porque non nos mancaron e a cousa non foi a maiores. O que nos doe e que na vila hai xente que poida dicir que iso aquí podería ser algo normal. Non é certo", asegura o dono.
Os donos deste establecemento hoteleiro están desgustados despois que nas últimas horas se difundira nas redes sociais comentarios que insinuaban que trafican con droga.
"Esta é a nosa casa, non só é o noso negocio, aquí vivimos coa familia e non imos consentir que ninguén difunda afirmacións que non son certas, non só porque poden afectar a nivel económico, é porque se pon en dúbida na nosa honra", asegura a dona do establecemento.