Os incendios obrigan a desaloxar os veciños de Seixalbo, en Ourense, e cortan a liña de AVE entre Ourense e Madrid
Os incendios obrigan a desaloxar os veciños de Seixalbo, en Ourense, e cortan a liña de AVE entre Ourense e Madrid
A cidade de Ourense sufriu interrupcións na subministración eléctrica durante media hora e unha intensa fumareda
Desaloxados os veciños de Seixalbo pola proximidade ás súas casas dun incendio que xa chegou ás 50 hectáreas.
Varios focos de incendios no entorno da vía do tren manteñen interrompida desde as 14:00 horas a circulación ferroviaria entre Ourense e Taboadela. A incidencia afecta os trens de alta velocidade que conectan Ourense con Madrid. Un tren que estaba parado en Taboadela está retrocedendo á estación da Gudiña para trasladar dende alí os viaxeiros en autobús.
Renfe aínda non confirmou a causa dos incendios, aínda que viaxeiros afectados recibiron información de que poderían ter sido provocados polo propio tren á súa chegada a Ourense. A compañía avalía ofrecer transporte alternativo aos pasaxeiros.
Cortes de luz en varios puntos da cidade
O incendio provocou interrupcións na subministración eléctrica en zonas como San Cibrao das Viñas, O Couto e Barbadás. O servizo recuperouse en media hora.
Tamén é visible unha densa fumareda sobre a cidade. Naturgy informou arredor das 15:00 horas que xa se traballa na reposición do servizo.
O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sinalou que a cidade sofre cortes de luz e que hai efectivos concentrados na estrada de Seixalbo. O Concello autorizou a colaboración inmediata do servizo municipal de bombeiros en incendios comarcais.
Fogo activo en San Cibrao das Viñas
A Consellería do Medio Rural informou da existencia dun incendio activo desde as 14:14 horas no municipio de San Cibrao das Viñas, parroquia de Noalla, onde traballan un helicóptero e dous avións. Pasadas as 15:00 horas, non constaban outros lumes activos en Ourense.