Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda anuncia unha nova oferta de emprego público en educación para 2024

Rueda anuncia unha nova oferta de emprego público en educación para 2024

O voceiro do PSdeG no Parlamento acusa a Xunta de non atender as necesidades das familias e dos docentes nunha cuestión sobre o inicio do curso escolar

Rueda recrimina ao BNG non reunirse con Feijóo e Pontón ironiza con que apelen a que é galego: "Franco tamén"

G24.gal 13/09/2023 08:28 Última actualización 13/09/2023 11:33

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que, o próximo ano 2024, o seu Goberno volverá sacar unha nova oferta de emprego público (OPE) para seguir “estabilizando profesores, como mínimo, como fixemos ata o de agora”.

Así o avanzou na primeira sesión de control do Parlamento tras o verán en resposta a unha pregunta do PSdeG sobre o inicio do curso escolar na que o portavoz do grupo, Luís Álvarez, incidiu nas “carencias históricas e recorrentes” do sistema educativo galego.

Entre elas Álvarez destacou o custo dos libros de texto que as familias teñen que afrontar neste mes de setembro.

Tamén falou o voceiro socialista de cuestións como as ratios profesor/alumnos nos colexios públicos de Galicia ou as demandas dos docentes sobre as condicións en que traballan e acusou o presidente da Xunta de non querer escoitalos e de impoñerlles os seus criterios.

Fronte a iso, o presidente da Xunta puxo en valor a boa saúde do sistema educativo como, ao seu xuízo, acredita que mesmo a Casa Real optase por un centro galego para inaugurar o curso escolar co que se demostra que en Galicia “a educación pública funciona”.

Rueda fixo un repaso polos datos, que ao seu criterio defenden esa boa saúde, e tamén asegurou que "hai que coidar os docentes", e sinalou que 17.000 foron estabilizados nos seus postos desde o ano 2009 e anunciou unha nova oferta de emprego público no ano 2024.

Deste xeito, Rueda pediulles aos grupos da oposición que deixen de “dicir cousas que non son certas” sobre o modelo de educación en Galicia unicamente porque cren que “así van rabuñar votos”.

Enfrontamento co BNG a conta da investidura de Feijóo

Na quenda do BNG, a súa voceira, Ana Pontón, volveu pedir que a Xunta tome a iniciativa para afondar no autogoberno, cun estatuto de Nación, e cun modelo de financiamento que responda ás necesidades do país.

Pola súa parte, Alfonso Rueda sinalou a "irrelevancia" do BNG que rexeita sentar con Núñez Feijóo para falar da súa investidura, pero "entrégase sen condicións" a Pedro Sánchez.

Pontón acusou a Rueda de estar coa "calculadora electoral" para convocar eleccións e dixo que a verdadeira irrelevancia se ía ver o "27 de setembro na sesión de investidura de Feijóo", e ironizou coa apelación dos populares a apoiar a Feijóo por ser galego.

"Resúltame moi rechamante que nos están criminalizando ao BNG día si día non e se estean lamentando de que non apoiamos ao PP e que temos que apoiar Feijóo porque é galego. Pero Franco tamén era galego e non o imos apoiar", respondeu Pontón, quen afirmou que hai que "estar en Marte ou ser marciano" para pensar que os nacionalistas galegos darán o seu voto ao PP.  

"Tampouco Putin é galego e vostedes apóiano", espetou, posteriormente, Rueda, quen sinalou como a "verdadeira calculadora electoral" é o "25 a un" deputados logrados nas pasadas eleccións por parte do PP e do BNG respectivamente.

O presidente da Xunta pediulle á voceira nacionalista que "asuma que as prioridades de Sánchez e dos independentistas cataláns e vascos non son as de Galicia".

Dese xeito, Rueda concluía asegurando que "exercemos o autogoberno, gobernando, que é algo que pode parecer moi aburrido pero é para o que nos elixiron", e fronte á proposta do BNG dixo que "nós defenderemos un autogoberno baseado na solidariedade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos