Imparable a traiñeira de Cabo da Cruz que acada no Grove a cuarta vitoria seguida
Sacoulle 17 segundos a Tirán e máis de trinta a Samertolameu e colócase con cinco puntos de vantaxe á fronte da competición
A Bandeira Virxe do Carme do Grove caeu do lado de Cabo da Cruz, algo ao que nos estamos acostumando na Liga Galega de Traiñeiras. Foi a cuarta vitoria seguida do equipo de Boiro que se coloca con 49 puntos como líder sólido da clasificación, con 5 puntos de vantaxe sobre Samertolameu e oito por riba de Tirán, o outro equipo de Moaña.
Nun campo de regatas máis longo do habitual Cabo acadou unha das meirandes diferenzas da temporada. Sacáballe dous segundos a Samertolameu na primeira ceavoga pero na segunda xa lle metía cinco ao segundo clasificado. O equipo adestrado polo pobrense Iago Motos non fixo máis que aumentar a diferenza nos dous últimos longos nos que demostrou ser o mellor equipo malia ter dous debutantes da canteira no equipo titular.
Fóra do podio houbo outra bonita pelexa entre Mecos (4ª) e Bueu (5ª), un duelo que se decidiu no último longo a prol do equipo que actuaba como local. Na primeira quenda o triunfo foi de Narón que ocupou o sexto posto final a só unhas décimas do equipo de Bueu.