Publicador de contidos

Publicador de contidos

Igualdade pide "desculpas" ás vítimas pola inquietude xerada polas pulseiras

Igualdade pide "desculpas" ás vítimas pola inquietude xerada polas pulseiras

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, di que as incidencias detectadas non puxeron en risco as vítimas: "A protección das mulleres non se interrompeu"

Carmen Martínez Perza, delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, durante a comparecencia no Congreso (EFE/J.J, Guillén)
G24.gal 25/09/2025 10:48 Última actualización 25/09/2025 14:34

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, pediu "desculpas a todas aquelas mulleres sobreviventes da violencia machista que se están sentindo inquietas" polo funcionamento do sistema Cometa de pulseiras de control telemático de agresores machistas.

Este xoves Martínez Perza comparece no Congreso dos Deputados, ante a Comisión de seguimento e avaliación dos acordos do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, para dar explicacións sobre as incidencias rexistradas neste sistema.

"Quero dirixirme persoalmente a cada unha delas -as vítimas- para pedirlles desculpas polo ruído xerado polos dispositivos Cometa e para poñer á súa disposición a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero a través do noso persoal das delegacións e subdelegacións do Goberno", sinalou Martínez Perza.

Tras insistir en varias ocasións en que o sistema de pulseiras funciona e que as incidencias detectadas non puxeron en risco as vítimas, advertiu de que se trata dun asunto de "enorme sensibilidade" e de que a seguridade das vítimas "está por encima de todo", polo que, dixo, "non se poden dar informacións que por imprecisas" produzan inseguridade e alarma social.

"A protección das mulleres non se interrompeu", sostivo, para denunciar que se suscitaron dúbidas e preocupacións sobre o funcionamento de Cometa a partir de "informacións inexactas e ás veces manifestamente falsas", criticou.

Martínez Perza acudiu ao Congreso para "render contas" e dar explicacións "claras, rigorosas e transparentes" que axuden a crear confianza e disipar dúbidas sobre "un sistema que funciona".

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero quixo trasladar ás vítimas: "O seu sufrimento é o meu sufrimento e quero que o saiban. O seu benestar e a súa seguridade é o que nos move e polo que traballamos a diario nesta Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero. Elas son o que nos move, o que nos preocupa e elas son a razón de ser desta Delegación", defendeu.

"A 31 de agosto hai 4.730 vítimas neste sistema de protección", explicou, "e deben e poden sentirse seguras". "De feito ningunha muller con dispositivo foi asasinada", insistiu Martínez Perza.

"Os dispositivos Cometa non son o único sistema de protección das vítimas. Non todas as ordes de afastamento implican a súa instalación", aclarou a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, quen explicou que "só se instalan cando a vítima desexa contar con este plus de protección, e cando o órgano xudicial o considera conveniente".

Igualdade non descarta penalizar a xestión de pulseiras: "Estamos a auditar e xa veremos"

Carmen Martínez Perza recoñeceu que o sistema Cometa "non é infalible" e explicou que Igualdade está "a auditar cada paso" que se deu na migración para avaliar se hai que penalizar ás empresas.

"Estamos na execución deste contrato. (...) Estamos a auditar todo isto e xa veremos. As penalizacións nun contrato están aí. Ninguén dixo que se vaia penalizar, nin que si. Simplemente dígolles que estamos a ver, estamos a auditar cada paso e estamos a pedir explicacións de determinadas cuestións", aseverou.

"Temos que prever que pasen cousas, temos que prever incidencias, pero para iso estamos, para responder e respondemos con protocolos, respondemos auditando a actuación das empresas que son adxudicatarias e respondemos no seu caso, se non se soluciona, pois pedindo as responsabilidades oportunas", defendeu.

Por exemplo, se un maltratador logra quitarse a pulseira, salta unha alarma e instálaselle outra. Ou se as alarmas non se activan, cámbiase o dispositivo á vítima en cuestión de horas.

Martínez Perza instou ás deputadas a que lle comuniquen se hai algún sistema mellor que o español: "Recibiremos a información cos brazos abertos", sinalou.

Foi tallante á hora de desmentir que os dispositivos se comprasen en AliExpress porque é unha tecnoloxía deseñada especificamente para o servizo Cometa.

A delegada explicou que unha vez tivo coñecemento en outubro de 2024 de que estaba a haber problemas na migración de datos de xeolocalización, ao cambiar as empresas adxudicatarias do contrato de Telefónica a Vodafone, creouse un grupo de traballo para resolvelo e logrouse en decembro dese ano.

Martínez Perza indicou que non lle consta que houbese algunha excarceración ou algunha absolución dun agresor machista debido a ese fallo, é dicir, non dispón de datos de que haxa xulgados que non puidesen condenar por quebrantamento de orde de afastamento debido á incidencia da información de xeolocalización previa a marzo de 2024.

"Non lle podo afirmar ao cenpor cento que fose excarcerado un agresor ou que houbese absolucións porque pedín esa información ao Consello Xeral do Poder Xudicial e tamén á Fiscalía e neste momento non a teño", contou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade