Unha sentenza pioneira declara violencia vicaria matar un can para facer sufrir a parella
Un home condenado a un ano de cárcere en Gran Canaria por lanzar por un cantil o animal da súa compañeira

O Xulgado de Violencia sobre a Muller número 2 de Las Palmas de Gran Canaria condenou a doce meses e un día de prisión un home que tirou pola rocha o can da súa parella.
A sentenza, considerada pioneira, interpreta o feito como un episodio de violencia machista vicaria, ao entender que buscaba danar psicoloxicamente a muller a través da morte do animal.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias, a maxistrada Auxiliadora Díaz analizou o caso cunha "perspectiva de xénero", o que lle permite intervir nun delito que, a priori, correspondería a outro xulgado: maltrato animal. A xuíza conectou a morte do animal cun delito de maltrato psicolóxico do artigo 153.1 do Código Penal.
No relato xudicial, considérase probado que o pasado 13 de setembro o acusado chamou por teléfono á súa parella e advertiulle: "Vou matar o can e despois mátome eu", en referencia ao cadelo de case catro meses propiedade dos dous. Despois, cando a muller acudiu ao lugar, o home ameazouna con tirar o animal e acto seguido lanzouno polo cantil, provocando a súa morte.
Como consecuencia, a vítima sufriu un cadro de afectación psicolóxica que precisou asistencia médica, cunha recuperación estimada en 90 días. A xuíza argumenta que se tratou dun caso de violencia vicaria sobre un animal de compañía, orientada a perpetuar a dominación e o control sobre a muller, polo que defende a necesidade dunha resposta penal agravada e de medidas de protección eficaces.
A sentenza é firme, xa que o acusado recoñeceu os feitos no xuízo rápido celebrado o 22 de setembro e aceptou a pena imposta.