Asturias decreta dous días de loito pola morte dos dous mineiros en Cangas del Narcea
As bandeiras dos edificios oficiais ondearán a media hasta e o Goberno asturiano reducirá a actividade pública
Morren dous traballadores e outro segue desaparecido na derruba dunha mina en Cangas do Narcea
FE/Paco Paredes
O Goberno de Asturias declarou dous días de loito oficial en sinal de dó en toda a comunidade polos dous mineiros falecidos onte nunha explotación situada en Vega de Rengos, no concello asturiano de Cangas del Narcea.
O prazo do loito comezará ás 16:00 horas deste sábado e finalizará á mesma hora do luns.
Durante este período, as bandeiras de exterior dos edificios das administracións públicas ondearán a media hasta. Tamén se reducirá a actividade pública do Executivo, e anularanse aquelas cuestións que teñan carácter lúdico ou festivo.
A Xunta de Castela e León tamén declarará loito oficial durante o mesmo tempo.
Os dous mineiros, Óscar Díaz Rodríguez, veciño de Cangas del Narcea, e Anilson Soares de Brito, de Villablino (León), faleceron sepultados por un derrubamento ocorrido a tarde do venres na mina de antracita de Tyc Narcea, na localidade canguesa de Vega de Rengos, no suroccidente asturiano.
O Goberno de Asturias reiterou o seu pésame ás familias, amizades e compañeiros dos dous falecidos, á vez que expresou o seu agradecemento a todas as persoas que participaron ou colaboraron nos labores de rescate.