Igualdade espera que a xustiza inhabilite a Rubiales para ostentar cargos e adestrar menores
O ministro de Deportes lamenta que non dimitise antes para "aforrarnos algúns problemas"
Luis Rubiales dimitiu ao seu estilo. Anunciouno nunha entrevista a un xornalista británico en que culpou os medios e uns supostos "poderes fácticos", di, que impiden a súa volta.
Confirmouno despois cun comunicado nas súas redes sociais, en que volve defender a súa inocencia fronte á denuncia presentada pola propia futbolista e a querela da Fiscalía da Audiencia Nacional por presuntos delitos de acoso sexual e coaccións.
Dende o Ministerio de Igualdade celebran a súa marcha, pero agardan que a xustiza "o inhabilite en sentenza, que non sexa voluntario, tanto para adestrar con menores de idade como para exercer estes cargos", segundo declarou Victoria Rosell, delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero.
O ministro de Deportes lamenta que a súa dimisión non se producise antes porque así "aforrariamos algúns problemas todos". Aínda así, Miquel Iceta cre que o caso non vai afectar a candidatura para o Mundial do 2030, xa que, na súa opinión, "hai poucos danos irreparables na vida, e este, dende logo, estamos arranxándoo xa".
Tamén os baróns do PP se pronunciaron sobre o tema á entrada da executiva do partido. Para o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, "chega tarde, probablemente tería que ser hai meses e anos". Para o de Aragón, Jorge Azcón, "a situación de Rubiales era absolutamente insostible" e dálle a "benvida a que se abra unha nova etapa na RFEF".