Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hunter Biden declárase non culpable de posesión ilegal dunha arma

Hunter Biden declárase non culpable de posesión ilegal dunha arma

O fillo do presidente dos Estados Unidos está imputado por comprar unha pistola cando consumía drogas

G24.gal 03/10/2023 18:45

Hunter Biden, fillo do presidente estadounidense Joe Biden, declarouse este martes non culpable dos cargos que se lle imputan por comprar unha pistola en 2018 e mentir ao afirmar que non consumía drogas, a pesar de que admitiu posteriormente que loitaba contra a súa adicción ao crack.

Esta foi a primeira comparecencia ante un xuíz de Hunter Biden desde que foi imputado o 14 de setembro de tres cargos pola compra e posesión ilegal de armas, que carrean unha pena máxima de 25 anos de cárcere. A sentenza, con todo, adoita ser menor para quen, como neste caso, carece de antecedentes penais.

Liberdade condicional

A súa comparecencia, de preto de media hora, produciuse na corte federal no centro da cidade de Wilmington (Delaware), que amenceu este martes rodeada de xornalistas, focos e cámaras de televisión, ademais dun forte dispositivo de seguridade. Dentro do edificio desenvolveuse unha breve vista xudicial en que o xuíz Christopher Burke se asegurou de que o fillo de Biden entendía os seus dereitos e os delitos de que é acusado para, a continuación, permitirlle que se declarase culpable ou non culpable.

Burke tamén leu a Biden as condicións baixo as que se lle concede a liberdade condicional mentres se desenvolve o xuízo, entre as que está permanecer baixo supervisión dun funcionario xudicial, buscar emprego de maneira activa, non posuír armas nin consumir drogas ou alcol.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar