Hidalgo pide prudencia: "Temos que seguir pelexando por estar entre os seis primeiros"
Ximo Navarro e Álvaro Ferllo falaron de ascenso directo pero o adestrador rebaixa a euforia porque "todo vai estar moi igualado"
Despois das declaracións pola semana de Álvaro Ferllo e Ximo Navarro onde dicían que vían o equipo pelexando por lograr o ascenso directo, Antonio Hidalgo quixo pedir prudencia nunha categoría tan complicada como é a Segunda División.
"Son moi impulsivos pero os que levamos máis tempo nisto sabemos que todo vai estar moi igualado. Temos que seguir pelexando por estar entre os seis primeiros", unha idea que repetiu varias veces na comparecencia previa ao partido diante do Spórting.
"Estamos nun gran momento en conxunto, sentindo o que nos estamos xogando" confesou un Hidalgo que se amosou moi confiado en conseguir o triunfo en Xixón. No Molinón a afección volverá facer un desprazamento masivo e haberá unha presenza moi importante de seareiros deportivistas: "Sinto moito o cariño e a ilusión da xente, iso é o que nos ten que mover. Todos loitamos polo máximo" asegurou o técnico catalán do Deportivo.
Tamén se referiu ás renovacións de Fernando Soriano á fronte da dirección deportiva e de Manuel Pablo como adestrador do Fabril: "Fala do ben que se está a facer o traballo no club" e sabe que para renovar precisa realizar unha gran campaña: "Sei o que quere a xente e o que quere o Dépor", confesou Soriano.