Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hamas libera os 20 reféns vivos; Israel excarcela preto de 200 presos palestinos

Hamas libera os 20 reféns vivos; Israel excarcela preto de 200 presos palestinos

O plan é que se lles realice unha avaliación de saúde na base de Reim, situada xunto á fronteira con Gaza, onde tamén poderán reunirse coas súas familias antes de seren trasladados a diferentes hospitais

No Parlamento israelí, Trump dixo que "agora, é o momento de transformar esa victoria contra os terroristas en paz e prosperidade para todo Oriente"

directo REUTERS/Amir Cohen
G24.gal 13/10/2025 07:44 Última actualización 13/10/2025 15:33

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, aterrou este luns en Israel coincidindo coa liberación por Hamas de todos os reféns vivos que permaneceron cativos na Franxa de Gaza 738 días

Foi ás 9:30 hora local cando o Exército de Israel publicaba un comunicando confirmando que, pouco antes, cruzaran a fronteira cara ao Estado israelí os sete primeiros reféns vivos (dun total de 20) que Hamas entregou hoxe á Cruz Vermella. Eitan Mor (25 anos), Alon Ahel (24), Ziv Berman (27), Gali Berman (27), Guy Gilboa Dalal (24), Omri Miren (48) e Matan Angrest (22), apresados por Hamas o 7 de outubro de 2023, foron liberados como parte do acordo de cesamento do fogo en Gaza auspiciado por Donald Trump.

Posteriormente, pouco antes das 11:00 hora local, o grupo islamita entregou á Cruz Vermella os 13 reféns vivos restantes, informaron os medios israelís N12 e Ynet citando a este organismo. Trátase de Nimrod Cohen (20), capturado desde un tanque preto da fronteira con Gaza; Rom Braslavski (21) e Bar Kupershtein (23), secuestrados mentres traballaban no festival de música Nova, e Evyatar David (24), Maxim Herkin (37), Elkana Bohbot (36), Segev Kalfon (27) e Yosef Haim Ohana (24), capturados tamén neste festival.

Tamén Matan Zangauker (25), secuestrado na súa casa de Nir Oz xunto á súa parella; os irmáns arxentinos Ariel (28) e David Cunio (35), Avinatan Or (32), cuxa noiva foi capturada e rescatada logo en xuño de 2024, e Eitan Horn (38), arxentino secuestrado mentres visitaba ao seu irmán maior.

Trump emprendeu este luns unha visita lóstrego a Israel para reunirse con familiares dos reféns e dar un discurso no Parlamento israelí (Knéset) antes de poñer rumbo a Exipto, onde terá lugar o Cumio da Paz.

O mandatario chegou pasadas as 9:40 horas (hora local) ao aeroporto de Tel Aviv, onde, sobre unha alfombra vermella disposta na pista de aterraxe, saudou o presidente israelí, Isaac Herzog, e ao primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, e a membros da delegación estadounidense que xa se atopaban en Israel, encabezados polo seu xenro Jared Kushner e a súa filla Ivanka Trump.

O presidente dos Estados Unidos abandonou rapidamente Tel Aviv, que amenceu con centos de persoas reunidas na praza dos Reféns, e foi trasladado a Xerusalén entre fortes medidas de seguridade.

"Agora, é o momento de transformar esa victoria contra os terroristas en paz e prosperidade para todo Oriente", dixo Trump

Na cidade santa, reunise con familiares dos reféns e deu un discurso en inglés ante o Parlamento.  Donald Trump, destacou na Knéset, o Parlamento israelí, que Israel logrou todo o que podía conseguir pola forza das armas e que agora é o momento de converter esas vitorias no "premio final da paz".

"Israel, coa nosa axuda, gañou todo o que se pode lograr pola forza das armas. Agora é o momento de transformar estas vitorias contra os terroristas en paz e prosperidade para todo Oriente Medio", dixo Trump.

Trump pronunciou o seu discurso tras a liberación por Hamas de todos os reféns vivos que permanecían cativos en Gaza e a entrega de prisioneiros palestinos, como parte do acordo de cesamento do fogo.

Entre aplausos, o mandatario converteuse no protagonista do Parlamento, aínda que a súa intervención foi momentaneamente interrompida polos deputados Ayman Odeh e Ofer Cassif, da coalición árabe-xudía Hadash Taal, quen portaba pancartas co texto "Recoñecede Palestina!" e foron retirados pola seguridade.

Continuando a súa intervención, Trump afirmou que "este é o amencer histórico dun novo Oriente Medio" e mostrou o seu agradecemento ás nacións árabes e musulmás que presionaron a Hamas para liberar aos reféns.

Pola súa banda, o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, asegurou que xunto a Trump alcanouse a paz.

"Señor presidente, vostede está comprometido con esta paz, eu estou comprometido con esta paz e xuntos, señor presidente, lograremos esta paz", declarou desde a Knéset.

Tras a intervención no parlamento, Trump volveu subirse ao Air Force One para viaxar a Sharm Al Sheij, unha cidade balneario de Exipto que tamén é coñecida como a "Cidade da Paz" por ser un dos centros de acción diplomática máis relevantes de Oriente Medio. Alí celébrase o Cumio da Paz.

Entrega de reféns e liberación de presos

En canto aos vinte reféns de Hamas, o plan é que se lles realice unha avaliación de saúde na base de Reim, situada xunto á fronteira con Gaza, onde tamén poderán reunirse coas súas familias.De aí, serán trasladados en helicóptero a tres hospitais das aforas de Tel Aviv.

Tamén se espera a entrega dos corpos dos 28 reféns mortos que seguen en Gaza, pero descoñécese se será simultánea ou xusto despois do retorno dos vivos, nin tampouco se todos puideron ser localizados.

A Cruz Vermella entregará os restos mortais ás tropas en Gaza e dentro do enclave palestino terá lugar unha "breve cerimonia" e rezo xudeus.

Israel liberará, a cambio dos reféns entregados, 1.968 prisioneiros palestinos, dos cales 154 serán deportados fóra do país, anunciaron as principais asociacións que representan aos presos tanto por parte de Hamas como da Autoridade Nacional Palestina (ANP). Os primeiros prisioneiros palestinos liberados por Israel chegaron sobre a 12.50 hora local á praza de Ramala onde decenas de familiares e amigos agardaban a súa chegada. 

Os palestinos liberados portaban panos palestinos e algúns apareceron facendo o signo da vitoria coas mans, antes de abrazar aos seus seres queridos. Membros da Media Lúa Vermella asistíronlles á súa saída dos vehículos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade