Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chegan a España os cinco membros da flotilla que seguían en Israel, entre eles Reyes Rigo

Chegan a España os cinco membros da flotilla que seguían en Israel, entre eles Reyes Rigo

A mallorquina, detida por morder unha funcionaria do cárcere, foi deportada tras pagar unha multa de 2.600 euros

Os outros catro españois formaban parte da segundo misión interceptada o día 8

A activista Reyes Rigo dándolle unha aperta a unha amiga á súa chegada ao aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Baraxas (Firma: Alejandro Martínez Vélez/Europa Press) A activista Reyes Rigo dándolle unha aperta a unha amiga á súa chegada ao aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Baraxas (Firma: Alejandro Martínez Vélez/Europa Press)
G24.gal 13/10/2025 10:25

Os cinco últimos membros españois das flotillas humanitarias rumbo a Gaza interceptadas este mes por Israel que permanecían nese país chegaron na mañá deste luns ao aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Baraxas nun voo procedente de Qatar, onde foron levados desde Xordania.

O grupo de activistas chegou pouco antes das 9:00 da mañá. Entre eles atopábase a mallorquina Reyes Rigo, que formaba parte da primeira misión, a Flotilla Global Sumud, e que quedou detida acusada de morder a unha funcionaria do cárcere de Keziot. Chegou a un acordo coa Fiscalía para ser deportada a España a cambio do pagar unha multa de preto de 2.600 euros.

Os demais españois que chegaron este luns a España formaban parte da segunda misión, interceptada o día 8, a Flotilla Liberdade-Thousands Madleens.

Apertas, aplausos e bandeiras palestinas para recibir os membros da flotilla

Foron recibidos con aplausos por un grupo de persoas que portaban bandeiras de Palestina e unha pancarta pedindo o fin da ocupación e o "xenocidio" en Gaza, entre os que se atopaban compañeiros de Reyes Rigo na primeira flotilla, como a coordinadora de Podemos nas Baleares, Lucía Muñoz.

Á súa saída pola Terminal 4 do aeroporto madrileño Reyes Rigo fundiuse en longos abrazos con familiares e compañeiros de flotilla que a esperaban e mostrou a súa vontade de volver apoiar á poboación gazatí.

"Queremos denunciar ao Estado xenocida israelí que nos secuestrou en augas internacionais e levounos a un cárcere para presos terroristas", manifestou.

Igualmente, pediu ao Goberno español "que poña unha denuncia ante o Tribunal Internacional de Xustiza e que denuncie este secuestro".

Ao preguntarlle por todo o que pasaron tras ser interceptados polas autoridades israelís dixo: "Nada comparado co que sofren os nosos irmáns palestinos; aí hai mulleres, nenos e homes que están en cárceres dun Estado xenocida e temos que poñer o foco neles porque isto non vai parar".

Neste sentido convidou a participar "o día 15 nunha folga xeral e que todos saian á rúa e todo o mundo pare".

As declaracións de Reyes Rigo foron acompañadas de cánticos das persoas que recibiron o grupo de activistas, con lemas como "Que viva a loita do pobo palestino" e "Viva Palestina libre".

Coa chegada destes activistas a España xa non quedan en Israel españois que embarcaron en flotillas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade