Sanidade porá o foco só nos casos de covid-19 graves e de grupos vulnerables
Deseñan un modelo de xestión que deixará atrás corentenas, probas e rastrexos masivos para poñer o foco nos vulnerables
Aumenta a incidencia en varias comunidades sen impacto nas hospitalizacións
Dous anos despois do confinamento total de inicio da pandemia, 92 millóns de picadas despois, e cun 4 % de ocupación hospitalaria, Goberno e comunidades consideran que chegou o momento de clausurar a fase aguda da pandemia e trazan hoxe en Zaragoza as liñas da transición á normalidade.
O sistema de vixilancia de saúde pública deixará de ser o parente pobre da sanidade española. Goberno e comunidades acordaron desenvolver unha rede estatal coordinada, dotada de fondos e con sistemas modernos de intercambio de información. Un sistema que permitirá por exemplo adiantar decisións ante unha pandemia.
"A importancia está no paso decisivo no punto de vista cuantitativo e cualitativo cara a un novo modelo integral de vixilancia en saúde pública", aseguraba a ministra Darias.
Hai consenso técnico para avanzar na consideración da covid como enfermidade respiratoria común, o que algúns denominaron 'gripalización'.
"Integrando sistemas de información, poñendo en valor máis se cabe a rede sentinela que tiñamos xa para a gripe trasladándoa a un modelo máis amplo, non só para a covid, senón tamén para outro tipo de virus", engadía o conselleiro galego, Xulio García Comesaña.
Sanidade e as comunidades autónomas acordaron por unanimidade un sistema de vixilancia transitorio contra a covid centrado na detección de gromos en ámbitos vulnerables e no control individual de casos graves. Seguirá atento ás incidencias e secuenciando variantes. Pero pospuxeron a eliminación das corentenas nos asintomáticos ou a retirada da máscara.
"Non foi obxecto de debate esa cuestión. Dedicamos a xornada de onte e a de hoxe á vixilancia, non ao control", dixo Darias. Comesaña aclarou que se falou moito de como van facer as cousas de agora en diante pero non de prazos.
Remiten á proposta que poñan sobre a mesa a próxima semana os técnicos do relatorio de alertas.
"Gústame máis falar de 'normalización'. Creo que hai cousas que non se facían coa gripe e que hai que seguir facendo coa covid. Por exemplo, esa precaución co uso da máscara cando hai algún tipo de síntoma", advertiu o conselleiro de Sanidade.
A semana pasada suprimíase o rastrexo xeral de contactos, e hoxe apúntase que moi pronto desaparecerán as corentenas. Mesmo para os positivos, que se non teñen síntomas non terían xa que quedar na casa.
Pouco a pouco, probas, illamentos e rastrexos iranse reservando só para os vulnerables.
"Se avanzaramos en deixar de illar os positivos, sería un paso importante, probablemente se traduza tamén nun criterio diferente no uso das probas diagnósticas", explicou Xulio García Comesaña.
Carolina Darias tamén anunciou o compromiso do Ministerio a reforzar os sistemas de vixilancia de saúde pública "con vistas a retos futuros". O acordo supón a implantación da vixilancia sentinela das infeccións respiratorias agudas leves (Iras) en atención primaria e graves (IRAG) en atención hospitalaria, en todo o territorio nacional, antes de fin do primeiro trimestre de 2023.
Para iso, constituirase un grupo de traballo coa participación do ministerio de Sanidade, comunidades e cidades autónomas.
Retirada das máscaras en interiores
Hai debate tamén sobre a idoneidade de abordar a retirada progresiva da máscara en interiores. O conselleiro considera que estamos "No momento de iniciar o debate, de iniciar probablemente o proceso de ila retirando".
"Hai que seguir criterios técnicos e epidemiolóxicos nesa retirada, e fundamentalmente as taxas de ocupación hospitalaria", engadiu García Comesaña.
Porque a reunión de hoxe cadra cunha suba lixeira da incidencia a sete días, consecuencia das celebracións do Entroido, aínda que con escaso impacto nos hospitais.
O conselleiro de Sanidade reafirmou hoxe o seu compromiso de revisar o uso da máscara nos patios escolares en canto conclúa, esta mesma semana, a vacinación da poboación infantil.
Pola súa parte, a ministra de Sanidade manifestou que o seu departamento e as comunidades teñen que acordar aínda o "cando e como" se suprime a obriga de levar máscara en interiores.
"Hai interese no cando, e está cada vez máis preto", dixo Darias, aínda que subliñou que "o cando é tan importante coma o como" e tanto Sanidade como as autonomías teñen que darlle resposta consensuada a ambos os interrogantes.
Durante as xornadas, Madrid tentou que se comezase a debater o inicio da relaxación de máscaras en interiores, xa que o seu responsable de Sanidade, Enrique Ruiz Escudero, entende que deben restrinxirse a ámbitos como hospitais, residencias e transporte público.
Con todo, Escudero explicou que a ministra quere que este asunto se trate antes nos órganos técnicos do relatorio de alertas e a Comisión de Saúde Pública, aínda que non especificou as datas.