Gestal: "Estanse a rexistrar gromos pero non podemos falar dunha sexta onda"
O catedrádico de Medicina Preventiva lembra que as persoas sen vacinar son as máis vulnerables
O incremento de contaxios en Galicia é unha realidade pero o persoal especializado desbota falar dunha sexta onda de infeccións. Segundo explica Juan Gestal, catedrático de Medicina Preventiva, estanse a rexistrar gromos dentro do previsible.
"Unhas coberturas vacinais que aquí en Galicia estamos preto do 85 por cento de toda a poboación vacinada, por tanto, iso estanos a protexer e dificultar que isto teña outra forma de presentarse", asegura.
As persoas que non están vacinadas son as máis vulnerables nestes momentos, polo que recomenda que se protexan canto antes.
"Os inmunizados van sufrir infeccións, que van ser na súa grande maioría asintomáticas ou infeccións leves. Por tanto, unha chamada aos que non se vacinaron: que aínda poden facelo, que vaian vacinarse", aconsella.
Co Nadal ás portas e con el as xuntanzas familiares e celebracións, recomenda non baixar a garda, relacionarse con grupos burbulla e continuar coas medidas de prevención para evitar novas infeccións.