Publicador de contidos

Publicador de contidos

Julio García Comesaña: "Seguímonos contaxiando, pero a gravidade é menor"

Julio García Comesaña: "Seguímonos contaxiando, pero a gravidade é menor"

O conselleiro de Sanidade en funcións recomenda a máscara en interiores 

Defende vacinar xa coa cuarta dose as persoas maiores de 80 anos 

Sanidade prevé incorporar en setembro os médicos de primaria que accedan na OPE 

G24.gal 08/05/2022 10:50 Última actualización 08/05/2022 14:09

O conselleiro de Sanidade en funcións Julio García Comesaña amósase optimista ante a evolución actual da covid–19 en Galicia malia o elevado número de casos activos e de contaxios diarios.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana admitiu que cuantitativamente "son datos malos" pero os parámetros que agora se analizan permiten ter "certa tranquilidade" porque a maioría dos ingresados son "con covid–19" non "por covid–19". 

"Se analizamos a hospitalización por motivo de covid–19 estamos en valores coma en xaneiro e se a analizamos por covid–19 estamos máis baixos que en xaneiro. Hai que ter certo optimismo. A enfermidade está aí, seguímonos contaxiando, pero a gravidade é menor e iso é positivo". 

Respecto ao novo protocolo sobre as baixas por covid–19 consensuado en toda España, o conselleiro di que en Galicia "para ter unha baixa non hai que ter PCR senón o que estamos facendo agora é que se tes síntomas que che impidan ir traballar tes a baixa, se non os tes, non".

Outra cousa, matiza, "é o aspecto normativo" dende o punto de vista da Seguridade Social e se vai derivar nunha "enfermidade laboral". García Comesaña, non obstante, dixo que están "analizando o documento para, se é o caso, adaptalo". 

Uso da máscara

Sobre o uso de máscaras, o conselleiro de Sanidade asegura que o criterio de momento en Galicia é, cos actuais datos da pandemia, non anular a reversión da obrigatoriedade pero si seguir recomendando o seu uso en interiores.

Tamén asegura que "mentres esteamos nestes datos de incidencia acumulada" e "sempre que o TSXG siga avalando a medida" seguirán pedindo o certificado de covid–19para facer visitas a hospitais e residencias. 

Cuarta dose

García Comesaña tamén amosa a aposta da Xunta pola administración xa da cuarta dose da vacina contra a covid–19 aos maiores de 80 anos, pero di que van esperar a que a Comisión de Saúde Pública a avale.

A intención é que en canto se aprobe se administre nos centros de saúde como xa se fixo nas anteriores doses para este grupo de idade.

Para os menores de 80, o conselleiro de Sanidade ve como posible horizonte de aplicación da cuarta dose a tempada do outono-inverno. García Comesaña mesmo confía en que para esas datas "as vacinas teñan xa as variantes máis habituais, a orixinal e a ómicron".  

Hepatite infantil

O conselleiro de Sanidade en funcións tamén falou dos casos de hepatite aguda infantil detectados en Galicia. Destacou que a alerta internacional funcionou e tamén que os casos detectados ata o momento —cinco— evolucionaron ben.

Segundo explicou, "agora mesmo hai dous que están ingresados, os outros tres xa pasaron a enfermidade sen ningún tipo de problema". Dos ingresados, "un evoluciona lento pero favorable  e outro está agora mesmo ingresado e a evolución tampouco é mala". 

Atención primaria

García Comesaña agradeceulles aos traballadores da atención primaria os seus esforzos e insistiu en que a Xunta segue traballando para a mellora deste servizo. Unha mellora, dixo, que pasa por "novas infraestruturas" e por "recursos humanos".

Sobre este último aspecto, o conselleiro de Sanidade avanzou a intención de incorporar xa en "setembro a máis tardar" os médicos de primaria ao abeiro da convocatoria da OPE de 106 prazas para médico especialista en atención primaria que acaba de publicar a Xunta.

Nesta convocatoria emprégase o sistema de selección por concurso de méritos para paliar o déficit de facultativos. 

"É unha convocatoria que está estes días en marcha e ten como obxectivo que eses 106 MIR que rematan no mes de maio deste ano, que eran os que tiñamos acreditados hai catro anos,  poidan optar a estas prazas. Para iso eles teñen que ter o seu título, por iso poden apuntarse agora e incorporar o título no mes de xuño unha vez que o teñan. Unha vez que incorporen o seu título e fagamos os procedementos correspondentes, nós esperamos telos incorporados no mes de setembro a máis tardar".  

Respecto aos novos modos organizativos, García Comesaña avanzou que prevén estender o XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) a 18 centros de saúde máis, a maiores dos 25 nos que xa está aplicándose.

Tamén destacou a aplicación do sistema CRM100 que permite que o persoal dos centros de saúde devolvan as chamadas telefónicas que non puideron atender a pacientes no prazo de dúas horas.  

Remuda na Xunta

En relación á remuda na presidencia da Xunta e do Goberno galego, actualmente en funcións, García Comesaña destaca que "o proceso está sendo tranquilo e ordenado".

Respecto ao seu futuro persoal e a se o vindeiro presidente Alfonso Rueda lle propuxo seguir no departamento, Comesaña eludiu responder e limitouse a dicir que "cada cousa ten que ser ao seu tempo" e que de momento segue traballando nos seus labores. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar