A rotura dunha tubaxe da rede municipal causa anegamentos en garaxes e rochos da Coruña
A escavación nun soar na avenida de Alfonso Molina orixinou un aluvión que tamén afectou o tráfico de coches
A escavación para construír un edificio en Alfonso Molina ocasionou este luns á mañá a rotura da tubaxe da rede municipal de auga da Coruña. Xerouse un aluvión que afectou ao tráfico de coches e, sobre todo, ao edificio máis próximo. Raquel e José posúen rocho e praza de aparcadoiro no soto máis prexudicado.
"Chegábanos a auga aos nocellos. Anegáronse os rochos todos e eu perdín unha morea de cousas: fotografía, roupa, zapatos. Un desastre feito", di Raquel.
José explica: "Os garaxes estaban anegados. Houbo unha riada. Eu que sei cantos litros de auga serían!".
A agua encamiñouse ao acceso dos garaxes. Despois de horas de achicar, o martes quedaba unha boa capa de lama en numerosas prazas e a de máis grosor estaba en todo o soto terceiro. Nesa planta os rochos non se libraron do asolagamento e, agora, da lama.
Os residentes recuperaron a subministración de auga corrente pronto. Pero toda a comunidade, máis de 120 vivendas, segue sen poder utilizar o ascensor.
E entre os estragos nos rochos, hai perdas moi diversas e mesmo o caso dalgunha irrecuperable e con gran valor emocional, como di Raquel sobre as fotos perdidas:
"O valor sentimental que teñen as coleccións de fotos da familia. Ademais están todas as fotografías de todo o tempo que dediquei a esa actividade".
Comentan residentes no edificio da rúa Luís Pita que esta desfeita é o segundo susto que lles xeran desde a obra que se desenvolve no soar lindeiro. Días atrás o vento levou as chapas do valado.