Gañan o concurso 'Lixo ou tesouro' da TVG e invisten o premio nunha casa de turismo rural
Cos 5.000 euros do premio, os irmáns Adrián e Jon Sotelo, de Maside, mercaron unha parcela cunha adega do ano 1900
Coas súas propias mans están rehabilitándoa para destinala a aloxamento rural
Empezaron hai sete meses e emiten nas redes sociais vídeos amosando o progreso dos traballos
Un premio económico, do importe que sexa, pero ben investido, pode dar para moito. Ata unha casa de turismo rural. É o proxecto que iniciaron dous veciños de Maside logo de gañar o concurso Lixo ou tesouro desta casa.
Adrián e Jonathan Sotelo, de 36 e 35 anos, respectivamente, gañaron o premio de 5.000 euros que cada edición pon en xogo o programa concurso da TVG Lixo ou tesouro, presentado por María Mera. "Tiñamos que optar por se a boneca era lixo ou tesouro. Meu irmán non o tiña moi claro, parecíalle a nena do exorcista, pero ao final apostamos por que era tesouro e aí está, a boneca converteuse en 5.000 euros", comenta Jon, lembrando o día do concurso.
Con eses cartos mercaron unha parcela na aldea abandonada de San Miguel, no concello de Maside. O terreo tiña unha antiga adega, do ano 1900. Estaba en ruínas, apenas tiña en pé un muro. Atoparon entre os entullos unhas duascentas botellas, que estaban baleiras, iso si.
"Xa tiñamos a idea na cabeza, pero con este premio foi todo un acicate para botar a andar", confesa Adrián, o maior dos irmáns.
Un é informático e o outro graduado en Empresariais, pouca e ningunha experiencia teñen en albanelería, pero aí están eles sós, mans á obra. Apenas reciben a axuda de seu pai, construtor profesional, que lles presta maquinaria, ferramenta e algo de material para a reforma.
Comezaron hai sete meses, e dende o inicio gravan cada xornada de traballo. Logo editan e publican nas súas redes sociais o progreso na construción. A finais de ano contan con inaugurar a casa e acoller os primeiros inquilinos. É o outro tesouro que agochaba a boneca.