Galicia terá activos este mércores avisos por temporal costeiro, choiva e vento
Aviso laranxa na Costa da Morte e amarelo no resto do litoral galego
Arquivo (EFE/Moncho Fuentes)
Galicia volverá activar este mércores avisos por temporal costeiro, choiva e vento, ademais, a Xunta mantén vixente o Plan Especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal) en fase de preemerxencia para o seguimento do caudal dos ríos.
Segundo recolle a páxina de Meteogalicia, toda a costa galega, salvo a Mariña Lucense, estará en aviso amarelo por ondas que poden alcanzar os cinco metros.
Así mesmo, ao mediodía, a Costa da Morte aumentará o aviso a nivel laranxa.
En canto ás choivas, estarán en aviso amarelo o interior da provincia de Pontevedra e o noroeste de Ourense ao esperarse máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.
As borrascas atlánticas seguirán deixando un tempo inestable, con refachos de vento superiores aos 70-80 quilómetros por hora, polo que estará activo o aviso amarelo na provincia da Coruña, na Mariña, na montaña de Ourense, na provincia de Pontevedra e no sur de Ourense.
O ceo estará parcialmente nubrado con precipitacións na maior parte do territorio e que serán máis persistentes na metade sur e menos probables na Mariña oriental.