Galicia rexistrou 21 afogamentos mortais no que vai de ano
Cómpre extremar a vixilancia cos cativos: "Poden afogar en 90 segundos nun palmo de auga"
En caso de emerxencia hai que chamar ao 112 e reanimar a persoa se non respira
Nunca debemos perder de vista un cativo na auga, especialmente na hora da sesta en piscinas domésticas.
"Un pequeno pode morrer afogado nun palmo de auga en 90 segundos, o que dura unha chamada de teléfono. Hai que vixialos sempre, especialmente na faixa das tres ás seis da tarde que é cando se producen máis afogamentos infantís", explica Roberto Barcala, catedrático especialista en Socorrismo da Universidade de Vigo.
Á hora de remollarse as opcións máis seguras son sempre os ríos, piscinas ou praias con vixilancia. Igual ca sucede no coche, cómpre non bañarse nunca baixo o efecto de alcol ou drogas. Tamén ter coidado coas correntes e acompañar no baño os máis vulnerables. E seguir as pautas de actuación se vemos alguén en apuros.
"Hai que chamar ao 112, e evitar entrar na auga porque podemos morrer facendo o rescate. É mellor lanzar algo para que a persoa se agarre ata que cheguen os equipos especializadas", engade o profesor.
Se todo falla e a persoa non respira, hai que intentar reanimala seguindo por teléfono as indicacións do 112.
"Primeiro facemos cinco ventilacións de rescate insuflando aire na boca da persoa e despois 30 compresións torácicas ao ritmo da Macarena, cos cóbados estendidos e afundindo o peito", conclúe o experto.
E seguir así, facendo unhas cen compresións por minuto, ata que a persoa recupere o alento ou cheguen os equipos de emerxencias. Son consellos que poden salvar vidas, especialmente necesarios nos meses de verán, nos que se concentran a maioría dos afogamentos.