Galicia rexeita a supresión das bonificacións ao gasóleo pesqueiro
A frota galega preocupada pola medida, que podería levar á ruína moitos barcos
O sector pesqueiro xera en Galicia máis de vinte mil empregos directos
Preocupación na frota galega pola intención da Organización Mundial do Comercio de eliminar as bonificacións ao combustible, nun intento de reducir a sobrepesca e a sobrecapitalización.
A conselleira do Mar viaxou a Xenebra para advertir dos riscos que suporía en Galicia. O informe elaborado por expertos, que entregou aló, alerta da perda de parte da frota e de emprego porque os custos, en moitos casos, non compensarían a actividade nun sector de que dependen máis de 20.000 empregos directos na comunidade autónoma.
"Precisar en que situación se atopa a chegada dese acordo que intenta suprimir as bonificacións fiscais ao gasóleo e traballar en conxunto coa embaixada de España na necesidade de buscar argumentos que permitan que a nosa frota siga sendo operativa e non se encontre con competencias desleais no mundo internacional" di Quintana.
"Pretenden eliminalas na UE pero noutros países, como na frota chinesa, van seguir desfrutándoas e van meter o seu peixe nos nosos mercados porque nós non poderemos metelo, non imos poder saír ao mar con eses prezos" engade Juan Rega, administrador dunha empesa pesqueira.
O sector entraría, din os expertos, en perdas estruturais no arrastre e no palangre, mentres que no caso do cerco chegarían ao beneficio cero e na baixura os beneficios serían o 80 % dos preexistentes.
"A frota non pode soportar ese custo, co que sería a fin da frota" segundo Rega.
O gasto de combustible nunha empresa pesqueira pode chegar a supoñer o 40 % dos custos da actividade.