Galicia recibirá máis de mil millóns en investimentos dos Presupostos Xerais do Estado
Máis de 400 millóns irán destinados a infraestruturas ferroviarias e á reparación do viaduto da A-6
A ministra de Facenda entregou no Congreso o proxecto de lei dos presupostos do Estado para 2023. Prevén unha revalorización de todas as pensións e do salario mínimo de arredor do 8,5 %. E prorrogan a maioría das medidas para paliar as consecuencias da guerra.
O Goberno fala dunhas contas públicas deseñadas cun obxectivo principal.
"Avanzar en xustiza social e en eficiencia económica, protexer a clase media e traballadora do país, os colectivos máis vulnerables e tamén o noso tecido produtivo", di María Jesús Montero, ministra de Facenda.
Galicia recibirá 1.077 millóns de euros dos presupostos do estado para 2023, unha cifra semellante á do ano pasado. É a quinta comunidade autónoma con maior asignación. Máis de 900 millóns destínanse a investimento en infraestruturas, a maioría para a mellora do ferrocarril.
"Máis de 433 millóns para continuar os investimentos do Eixo Atlántico. Tamén a partida dos estudos da alta velocidade Vigo-fronteira portuguesa, a conexión Vigo-O Porto", concreta a ministra de Transportes, Raquel Sánchez.
Os presupostos do ministerio tamén inclúen, segundo a ministra, os orzamentos para paliar os efectos da caída do viaduto na A-6.