Galicia participa nun proxecto que busca mellorar a condución automatizada
No Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) buscan evitar erros en relación aos semáforos ou ás incorporacións na vía
Polo momento os vehículos sofren desconexións que obrigan o condutor a tomar os mandos
Galicia participa no programa máis importante de toda Europa sobre condución automatizada. No Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) buscan como mellorar a condución autónoma. Por exemplo, como evitar erros á hora de que os coches paren eles sós nun semáforo ou que detecten cando outro vehículo se incorpora á vía.
Os vehículos son cada vez máis automatizados. Circulan ou aparcan sós, pero polo momento sofren desconexións que obrigan o condutor a tomar os mandos.
O CTAG traballa para solucionar eses erros e facer a condución automatizada máis segura.
"Mellorar a condución autónoma, facela máis robusta, que sexa interoperable entre diferentes estados membros e que non haxa que descontectar frecuentemente do modo automatizado ao manual", explica Francisco Sánchez, Director de electrónica e mobilidade intelixente do CTAG.
Con sinais e estradas tamén conectadas, comprobamos como o coche frea ao achegarse ao semáforo. Rubén Pérez, asistencia da axuda ao condutor de SEAT, mostra como cambian as estradas e as cores na pantalla.
"O vehículo xa nos indica con anterioridade que se vai deter", di.
No CTAG tamén desenvolven a tecnoloxía que permite dirixir un vehículo de forma autónoma. É útil para vehículos compartidos como microbuses que poderían funcionar sen condutor e dirixidos dende un centro de operacións.
"Cambiará a lexislación e permitirá que o supervisor estea dende un centro de control", indican dende o CTAG.
Pero tamén para que tome as rendas dun coche particular se o seu condutor sofre unha indisposición.
"Que non pode conducir, que ten que recibir asistencia médica rápida..., un operador remoto podería levar o vehículo rapidamente a un hospital", engade Sánchez.
Dende o centro agardan que esta tecnoloxía sexa unha realidade na rúa nuns 3 ou 4 anos.