Galicia lidera a reivindicación ante Bruxelas en contra da recentralización dos fondos
A delegación española do Comité Europeo das Rexións, presidida por Alfonso Rueda, reuniuse en Santiago para asinar a declaración "Galicia"
Un documento que pide un orzamento comunitario xusto e que non se rebaixen os fondos comunitarios para a pesca e o campo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu unha Unión Europea forte, cohesionada e próxima nas decisións á cidadanía:
"Que se escoite e que se respecte a voz dos territorios e que iso teña reflexo no novo marco financeiro plurianual ten que ser fundamental".
Unha posición que comparten o resto das comunidades e tamén os municipios españois á marxe da cor política. Luis Martínez, vicepresidente primeiro de Castela-A Mancha, pediu "máis fondos, máis transparencia, máis flexibilidade, manter a cohesión e non á recentralización".
Na mesma liña expresouse María Isabel Urrutia, conselleira de Presidencia de Cantabria:
"O peor que nos pode pasar como Unión é a recentralización dos fondos de cohesión", asegurou.
Tamén compartiu a petición Inés Rey, alcaldesa da Coruña e vicepresidenta primeira da FEMP.
"Debemos trasladar á Unión Europa a descentralización administrativa que existe neste país", dixo.
Os representantes autonómicos e municipais reuníronse en Santiago para impulsar a declaración Galicia. Un documento que Rueda agarda que o Goberno de Sánchez empregue na negociación coa Unión:
"Espero que sexa tamén o documento do noso país ante a UE e que o noso goberno nacional entenda que recollendo o que nós pedimos está defendendo tamén unha posición de país", dixo o presidente da Xunta
A declaración Galicia tamén pide que non se recorten os cartos de Europa para a pesca e o campo.