Galicia conta cun novo avión de coordinación, con máis autonomía e capacidade de transporte
Esta aeronave súmase aos dous helicópteros cos que xa contaba o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta
Galicia dispón dun total de 23 medios aéreos dependentes da Consellería
Imaxe cedida pola Xunta de Galicia
A Consellería do Medio Rural incorporou un avión de coordinación e vixilancia propia ao dispositivo de loita contra os incendios forestais, con máis autonomía e capacidade de transporte.
O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, visitou a base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra, onde opera este novo medio desde o pasado 1 de agosto.
Deste xeito, esta aeronave súmase aos dous helicópteros de coordinación cos que xa contaba o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta.
Este tipo de medios, complementarios aos de extinción, proporcionan datos esenciais en tempo real para a toma de decisións tácticas e estratéxicas, permiten unha supervisión continua do operativo, acceso visual a zonas ocultas pola orografía ou polo fume e facilitan a comunicación.
Paralelamente ás tarefas de coordinación e vixilancia, dous técnicos encargaranse da realización de análise e avaliación continua do incendio, dando apoio ao persoal de terra.
A incorporación deste medio supón a ampliación a posibilidade de cobertura e franxa de traballo, xa que dispón de ata 4 horas de autonomía. Así, o Xunta 23 ACO é unha aeronave de alta velocidade, que conta ademais con máis capacidade que os helicópteros de coordinación existentes, o que permite realizar transportes loxísticos e de persoal.
Este ano son catro os novos aparellos aéreos integrados na loita contra os incendios, entre os que se atopan esta aeronave de coordinación, pero tamén dous avións de carga en terra que xa están a operar e un helicóptero pesado, que se incorporará no mes de setembro. Coa suma desta aeronave, Galicia dispón dun total de 23 medios aéreos dependentes da Consellería.
En conxunto, contando os do Gobierno central, son máis de 30 os aparellos que traballan na extinción de incendios en Galicia neste 2026.