Galicia concentra esta fin de semana festas en toda a comunidade
Cervo homenaxea a xente do mar coa celebración da Maruxaina
O Festival do Marisquiño exalta a cultura urbana e Pontevedra festexa a Peregrina
A serea Maruxaina é a protagonista da festa en San Cibrao, que xira arredor da xente do mar.
Este ano a festa vívese coma sempre na rúa, con máis medidas de seguridade para evitar sucesos coma os do 2019 cando varias mulleres foron gravadas ouriñando na rúa.
En Mondoñedo a cita é coa historia: a cidade celebra o mercado medieval, unha festa de interese turístico galego que vai xa pola 30 edición. Artesáns e comerciantes animan o mercado, no que participan preto de cen postos, distribuídos polo núcleo histórico.
Se o que prefire é gozar da cultura urbana, entón hai que falar do Marisquiño, en Vigo, un festival no que a música envolve vistosas exhibicións con bicicletas e bailes alternativos.
As celebracións espállanse por toda Galicia. Pontevedra conmemora as festas da Peregrina, sen as restricións de anos anteriores por mor da pandemia. Uns festexos que non fan máis que comezar e que inclúen actividades en barrios de toda a cidade durante once días.