Galicia colócase na cuarta posición con menor débeda per cápita en 2022, segundo o BBVA, por María Cadaval
OPINIÓN
Galicia colócase na cuarta posición con menor débeda per cápita en 2022, segundo o BBVA, por María Cadaval
A débeda total das comunidades autónomas españolas ao peche do primeiro trimestre de 2023 ascendeu a 322.000 millóns de euros. Non obstante, esta cantidade sería moito maior se o Estado non establecese os Mecanismos Extraordinarios de Liquidez no 2012. Segundo BBVA Research, na ausencia do Fondo de Liquidez Autonómica, as comunidades autónomas terían que asumir un custo medio adicional en xuros de máis dun punto porcentual. Isto significa que a taxa de interese media do 1,4 % que afrontaron en 2022 sería do 2,5 % sen o FLA, o cal representa un aforro do 44 %.
O FLA desempeñou un papel crucial ao permitir que as comunidades accedesen a financiamento nun momento en que os mercados estaban pechados, e fixérono en condicións moi favorables. Se non fose por este mecanismo, a débeda autonómica acadaría aproximadamente o 26 % do PIB rexional en lugar do 23,9 % rexistrado en 2022.
A día de hoxe, segundo os datos máis recentes do Banco de España, o FLA segue sendo unha parte significativa da débeda en mans das comunidades autónomas, representa case o 60 % da súa débeda total, supera os 187.000 millóns de euros.
Cataluña e a Comunidade Valenciana obtiveron do FLA financiamento extraordinario por valor de 98.700 e 78.200 millóns de euros respectivamente, durante o período comprendido entre 2012 e 2023. Outras rexións, como Andalucía e Castela-A Mancha, sumaron 26.300 e 19.100 millóns cada unha no mesmo período. Por outro lado, Madrid, País Vasco e Navarra nunca recorreron ao FLA.
Cataluña é a comunidade autónoma que máis debe ao Estado a través deste mecanismo, cunha débeda pendente de arredor de 71.800 millóns de euros, o cal representa o 84 % do total de pasivos da Generalitat, que ascenden a 85.400 millóns en varios conceptos. Seguen a Cataluña a Comunidade Valenciana e Andalucía.
Ao tempo que se reclama unha reforma do Sistema de Financiamento Autonómico para abordar a nova realidade, pende no aire que se vai facer coa débeda acumulada dalgunhas comunidades autónomas coa facenda central. Isto xera tensións e malestar en rexións que non teñen niveis significativos de débeda ao interpretar que unha quita beneficia unhas comunidades (incumpridoras) en detrimento doutras (cumpridoras). Ademais, é importante ter en conta que a débeda condonada debería ser asumida polo Estado nun momento en que retornan as regras fiscais e os desequilibrios orzamentarios volven estar medidos e vixiados.