Galicia celebra esta ponte o maior número de festas do ano
A Coruña e Vigo xa comezaron as festas e continúan estes días
Hai para escoller en romarías, concertos, verbenas e gastronomía
A Coruña leva días celebrando as Festas de María Pita, e continúa na ponte que empeza hoxe cun amplo programa de actos. O máis multitudinario, a batalla naval, que será o sábado pola noite no paseo marítimo. Conmemora a vitoria dos coruñeses fronte ao asedio das tropas británicas comandadas por Francis Drake en 1589.
En Betanzos están de patrón e festéxano como todas as vilas, con verbenas, pasacalles e concertos. Pero o máis agardado é o lanzamento do globo, na noite do 16 ao 17. É o globo de papel máis grande do mundo e este ano será o número 142.
A Peregrina de Pontevedra ten tamén un amplísimo programa de actividades, entre as que destaca a batalla das flores. Entre os concertos máis agardados, Zahara, o domingo pola noite, Coque Malla o luns.
En Vigo, xa empezou O Marisquiño, con todo tipo de probas de deporte urbano. Remata o domingo, e o luns empezan as Festas de San Roque, patrón da cidade, que durarán tres días.
A popular Festa da Auga de Vilagarcía celébrase o martes 16 ao mediodía. Os participantes piden refrescarse, e a auga chega en abundancia desde balcóns e camións cisterna estratexicamente colocados nas rúas da vila.
Para ir de romaría, Viveiro pode ser unha boa elección. A subida ao monte San Roque empeza na madrugada do día 16.
En Cervo, Lugo, fan unha homenaxe ao mar e aos mariñeiros na Festa da Maruxaina. O sábado é o día grande, cando a serea desembarca na praia e os asistentes xulgan se este ano se portou ben ou mal.
Se o que se busca é comer, a Festa do Polbo do Carballiño, Ourense, declarada de Interese Turístico Internacional, non decepciona. É o sábado, con comida e música no parque municipal.