Galicia alega contra o borrador da ABAU e reclama unha proba única para todo o Estado
Tamén esixe que se aclare cando entrará en vigor o novo modelo

Galicia elevou este martes as súas alegacións ao borrador do proxecto polo que se regulan as características básicas da nova proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) e insiste na súa reivindicación dunha proba única no conxunto do Estado.
Tamén demanda a creación dunha comisión estatal encargada de “homologar as probas de cada comunidade autónoma como paso previo á súa realización”.
Esta comisión encargaríase de “revisar as cualificacións obtidas en todas as comunidades coa finalidade de axustar os parámetros que preserven o principio de igualdade no acceso á universidade”.
Por último, a Xunta demanda que se aclare o réxime transitorio establecido no borrador ao considerar que causa “certa confusión” ao dicir, por unha banda, que o novo modelo se implantará no curso 2023-24 e, doutra banda, ao remitir a un proceso temporal intermedio” sen establecer ningún marco temporal.
Ante esta situación, pide que se especifique con total claridade cando se implantará o modelo definitivo.