Galicia acolle máis de 2.700 persoas que fuxiron da guerra en Ucraína
A incerteza sobre o seu futuro é unha das dificultades principais dos refuxiados
Óscar e Masha son membros da Asociación Galega de Axuda a Ucraína. Ela é de aló, pero levaba sete anos na Coruña cando Rusia invadiu o seu país. Deseguido mobilizáronse para mandar axuda e traer refuxiados, botando man da solidariedade dos galegos.
"Sen recompensa ningunha, abriron as portas das súas casas, as súas familias e recibiron xente que non coñecían de nada", asegura Masha Pavlenko.
De Ucraína saíron sobre todo mulleres e nenos. Moitos dos que viñeron a Galicia seguen aquí. Adaptarse lonxe dos seus e a incerteza sobre o seu futuro son as súas maiores dificultades.
"É xente que perdeu parte das súas familias, os seus fogares. Son familias divididas. A parte psicolóxica é a máis difícil", explica Óscar Magarro.
"A incerteza é o maior problema dos ucraínos. Non saben que lles vai pasar mañá. Non poden facer plans", subliña Masha Pavlenko.
Desde a Asociación Galega de Axuda a Ucraína subliñan que aló se necesita de todo. Eles mandaron 28 camións e teñen preparados outros dous.
"Cando un pobo está vivindo un xenocidio dunha forza estranxeira non se pode ser equidistante. Hai que estar radicalmente a favor de Ucraína", conclúe Óscar Magarro.