Sánchez, nas mensaxes de WhatsApp a Ábalos: "Que torpe é Iglesias"
Na conversa, o presidente do Goberno cualifica a ministra de Defensa de "pájara" e di que parece que se deita co uniforme
Margarita Robles relativiza as mensaxes e di que se sente apoiada polo Goberno
Os ministros consideran as filtracións un ataque contra a intimidade

O xornal El Mundo publica novas mensaxes de WhatsApp entre Pedro Sánchez e o exministro Ábalos. A conversa céntrase desta volta na tensión con Pablo Iglesias e o seu equipo, pero tamén hai críticas á ministra de Defensa Margarita Robles.
O presidente expresa o seu desgusto polas filtracións que fai Podemos do contido das reformas e chega a cualificar a Iglesias como torpe por lanzar un vídeo en plena conferencia de prensa. O presidente di que iso xa non é maldade, senón torpeza, e xente sen equipo.
Noutro momento refírese á saída de Iglesias do Goberno, para disputarlle a Ayuso a Comunidade de Madrid, como un xesto de "suxéitame o cubata".
Sobre a ministra de Defensa Margarita Robles, Sánchez di que parece que se deita co uniforme, e refírese a ela como unha "pájara".
Margarita Robles relativiza as mensaxes e di sentirse apoiada polo presidente
Á súa chegada á Feira Internacional de Defensa (FEINDEF), Robles sinalou que non pode ter opinión dunha suposta conversación privada entre dúas persoas "que tivo lugar hai moitísimos anos".
A ministra asegurou que non pensa dimitir como lle pediu o PP e emprazou este partido a que se ocupe dos seus asuntos, á vez que dixo sentirse apoiada por Sánchez.
"Como non me vou sentir apoiada polo presidente? Non me ven aquí? Hai sete anos que formo parte do Goberno e a suposta conversación é de fai catro ou cinco anos. Xulguen vostedes", respondeu a ministra a preguntas dos xornalistas.
A titular de Defensa evitou comentar se falou ou non do asunto con Sánchez e remitiuse de novo a que se trata dunha conversación privada entre dúas persoas "na que eu non teño nada que dicir", concluíu.
Reaccións ás filtracións
Félix Bolaños, ministro da Presidencia, afirma que "non hai límite nos ataques a Pedro Sánchez" tras a filtración de mensaxes entre o presidente do Goberno e o exministro Ábalos.
Bolaños advirte de que a "vulneración da privacidade" do presidente pode considerarse un "comportamento delituoso" e que tomarán as accións legais necesarias para que se investiguen as filtracións.
Pola súa banda, a ministra de educación Pilar Alegría, considera "moi grave" que se publiquen conversas privadas xa que isto constitúe un "ataque ao dereito á intimidade".
A ministra destacou que as mensaxes que se están coñecendo son "absolutamente intrascendentes" e que nada teñen que ver coas causas xudiciais abertas.
Alegría, na súa comparecencia, acusou o PP de empregar as filtracións para realizar unha oposición "de confrontación". Así e todo, reiterou a intención do executivo de "non desviarse do importante".
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, rexeitou hoxe comentar as mensaxes de WhatsApp e pediu que se investiguen xudicialmente as filtracións.
"Non valoro conversacións privadas. E dígolle máis: paréceme gravísimo o que estamos a ver sobre unha causa xudicial, e espero que se adopten as responsabilidades xurídicas pertinentes", declarou Díaz á prensa.
A pesar das preguntas, a vicepresidenta insistiu en non facer máis declaracións sobre o publicado polo diario El Mundo. "Son clara. No meu exercicio profesional como avogada, o que estamos a ver aquí non pode suceder", resolveu.