Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia achégase aos 70.000 casos activos tras sumar 8.600 contaxios

Galicia achégase aos 70.000 casos activos tras sumar 8.600 contaxios

Hai cinco pacientes menos en planta e tres máis na UCI

O Sergas notifica a morte de dúas persoas nas últimas horas

G24.gal 15/01/2022 10:15 Última actualización 20:10

Galicia continúa a bater marcas de casos activos. Nestes momentos, 69.717 persoas están infectadas na nosa comunidade. Son 4.936 máis ca este venres. Segundo informa o Sergas, rexistráronse 8.614 novos contaxios nas últimas 24 horas. 

Se debullamos estes datos por áreas sanitarias, a de Vigo volve situarse á cabeza, con máis de 2.300 positivos nun día. A da Coruña supera os 1.600 e por riba do milleiro están as de Santiago Pontevedra. As de Ferrol, Lugo e Ourense non chegan a esa cifra.

A tendencia ascendente, agás algún axuste estatístico, non se detivo desde o mes de decembro. Se comparamos a incidencia actual coa das vagas anteriores, podemos facernos unha idea da capacidade de contaxio que ten a variante ómicron.

Sen alcanzar aínda o pico desta sexta onda, xa se triplicaron os rexistros máximos de vagas anteriores. Iso si, constatouse un descenso do ritmo de propagación.

A presión hospitalaria nas distintas áreas sanitarias mantense en cifras similares: 539 (-2). Nas camas convencionais hai 483 pacientes coa covid, cinco menos ca na xornada anterior.

Porén, nas unidades de coidados intensivos ingresaron tres doentes máis, polo que o número de persoas en estado crítico ascende a 56.

Ocupación hospitalaria

Os episodios de maior tensión están a se producir nos centros de atención primaria, pero Galicia é a comunidade coa menor ocupación hospitalaria de España.

As persoas afectadas pola covid ocupan o 6 %, tanto en planta coma nas UCI. A media española é do 14 % nas unidades convencionais e do 23 % en coidados intensivos.

No que respecta á incidencia acumulada a dúas semanas, en Galicia medra a maior ritmo. Sitúase por riba dos 3.300 casos por 100.000 habitantes, cen puntos máis ca no conxunto do país.

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 327.768 persoas, das que curaron 255.255, e faleceron 2.845, dúas nas últimas horas.

Un home de 77 anos morreu no Hospital de Verín e unha muller, de 82, no Complexo Hospitalario de Pontevedra, procedente da Residencia de Vilaboa. Segundo o Sergas, ambos os dous tiñan patoloxías previas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade