Escritoras e ilustradoras galegas fan unha interpretación de cantigas como homenaxe ás cantareiras
'Foliada', unha mestura de música, literatura e ilustración para celebrar o Día das Letras
Editan 30.000 exemplares que simulan un disco de vinilo que se repartirá o sábado 16 nas tendas
Dez escritoras e ilustradoras galegas fan unha interpretación de cantigas populares como homenaxe ás cantareiras en 'Foliada', unha publicación ilustrada promovida por Gadis na celebración do Día das Letras. A edición, apoiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude simula un disco de vinilo que se repartirá o próximo día 16.
O Conselleiro José López Campos resaltou a implicación da empresa na difusión da lingua e animou a outras empresas a sumarse ao abeiro das vantaxes do futuro selo de recoñecemento do compromiso co seu uso.
O Centro Galego de Arte Contemporánea foi o escenario escollido para a presentación do proxecto, composto por cinco láminas, nas que se inclúen versos de coplas populares galegas e a interpretación artística realizada polas ilustradoras galegas Iria Zafián, Laura Mahía, Laura Tova, María Montes e Xoana Almar e as escritoras Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Lado, Esther Corredeaguas e María Solar, ofrecendo unha visión contemporánea destas composicións tradicionais.
