Gabri Veiga renova co Celta ata xuño de 2026
O canteirán é o máximo goleador do conxunto de Onésimo, xunto a Miguel Rodríguez, con nove tantos
Un dos xogadores con maior proxección da canteira celeste vincula ao club o seu crecemento. Gabri Veiga será xogador do Celta ata xuño de 2026 tras a firma dun contrato que se suma á de hai unhas semanas doutro mozo da canteira de gran potencial, o central Carlos Domínguez.
Gabri Veiga está a facer unha tempada fantástica no Celta B na Primeira División RFEF. Nesa categoría, o filial sitúase en postos de play off de ascenso a Segunda División.
O da canteira é o máximo goleador do conxunto de Onésimo xunto a Miguel Rodríguez con nove tantos, algúns deles realmente espectaculares.
Gabri Veiga, que esta tempada xogou con absoluta solvencia en diferentes posicións, desde medio centro a interior ou segunda punta, acumula 30 partidos esta campaña, xa máis de 60 no filial céltico e 12 no primeiro equipo.
Gabri, porriñés de19 anos, chegou ao R. C. Celta en categoría alevín, a tempada 2013/2014. Ten claro o que o escudo celeste significa para el:
“Para min é afotueza, corazón, tradición e sobre todo moito orgullo de levalo no peito cada fin de semana”.
Gabri Veiga comprométese a “dar o máximo en cada partido, cada adestramento, cada minuto que poida ter no primeiro equipo ou no filial” e destaca que tras a firma do seu contrato sente “unha felicidade enorme”.
“Quero darlles as grazas á miña familia, aos amigos e á miña noiva, que me axudaron todo este tempo para chegar a cumprir estes obxectivos, e tamén ao club pola confianza que deposita en min. Teño moitas ganas de seguir crecendo no R. C. Celta, que é a que considero a miña casa e na que quero estar moitos anos máis”, engade o mozo da canteira, quen tamén expresa a súa gratitude ao celtismo: “A nosa é unha grande afección e estoulle moi agradecido polo apoio. Sempre te enche de felicidade saber que a afección está contigo e espero que siga así moitos anos máis”.