Gabri Veiga confírmase como a mellor nova do Celta en 2022
Leva marcados catro goles na primeira temporada que xoga con regularidade no primeiro equipo
Con 20 anos aproveitou a oportunidade de Coudet e está a ser indiscutible con Carvalhal
Gabri Veiga é a mellor nova deste Celta no treito final de 2022. A marcha de Brais Méndez foi cuberta de contado polo xogador do Porriño. Os seus números están a ser espectaculares. Xa leva marcados catro goles e co paso das xornadas o seu peso dentro do equipo vai a máis. Dos últimos oito partidos que xogou foi titular en sete deles. Iso acompáñao da súa habitual chegada desde o centro do campo, a que vén demostrando durante toda a súa traxectoria nas categorías inferiores do club vigués.
A estrea goleadora foi diante do Atlético de Madrid
Contra o Betis marcou un gol que valeu tres puntos
Luces e sombras co gol e a expulsión en Almería
A obra de arte contra o Sevilla en conexión con Aspas
Gabri debutou co Celta B con só 17 anos na temporada 2019-20. Viña de marcar 12 goles co xuvenil B e xa debutara co de División de Honra. Na Primeira División recibiu a alternativa na temporada 20-21 con 18 anos. A súa primeira titularidade foi, nin máis nin menos, que contra o Barcelona.
A temporada pasada madurou no Celta B co que se converteu nun dos mellores xogadores da Primeira Federación conseguindo nove goles. O seu rendemento medra co paso das xornadas e acredita na máxima categoría os números que veu facendo ao longo de toda a súa traxectora.