Fuxan os Ventos ofrece tres concertos inéditos en Lugo
A histórica formación volve á escena no auditorio de Lugo que leva o seu nome
Unha oportunidade única para ver de novo en directo a este grupo senlleiro da cultura galega
Fuxan os Ventos regresa ao escenario en Lugo para culminar máis de medio século de exitosa traxectoria. Con tres actuacións inéditas, de agradecemento á cidade na que naceron en 1972, por elixilos este ano para bautizar o novo Auditorio, como espazo que honra o seu legado.
"Estamos contentísimos desta grande homenaxe que se fai poñéndolle o nome do noso grupo ao Auditorio de aquí, da cidade que nos viu nacer", di Antón Castro, membro do grupo.
Será probablemente a derradeira oportunidade de ver xuntos os oito músicos de Fuxan os Ventos nun concerto en directo cun formato especial.
Para o músico Xoán Fuertes será unha actuación "irrepetible, desde logo, e seguramente será a derradeira, porque, mira, o tempo pasa, e o contador dos anos non para".
Un broche de ouro ao medio século de historia, repasando unha discografía que forma parte do patrimonio inmaterial de Galicia. "Hai pezas que son senlleiras e que temos que cantar con todo o pobo de Lugo. Estará a primeira canción e a última que se subiu ás redes sociais".
Hora e media de espectáculo que xuntará a historia viva da canción galega co novo talento de Faia Díaz e De Ninghures.
"Agardamos que sexa un pack marabilloso, estes tres miniconcertos que van estar dentro do concerto".
As entradas están esgotadas para os tres concertos que encherán o auditorio Fuxan os Ventos de Lugo este xoves, sábado e domingo.