Francia paralízase na primeira xornada de folga contra a reforma das pensións
Francia paralízase na primeira xornada de folga contra a reforma das pensións
O goberno de Macron propón elevar a idade de xubilación aos 64 anos
O seguimento da folga é masivo nos transportes, a educación e o sector enerxético
Francia vive hoxe a primeira xornada de folga xeral contra o proxecto de Macron de reforma das pensións. Os oito sindicatos maioritarios mobilízanse unidos por primeira vez nunha década. Protestan contra o plan de atrasar a idade da xubilación dos 62 anos actuais aos 64 en 2030.
O sector dos transportes é un dos máis afectados: apenas circula o 10 por cento dos trens, e no metro de París só funcionan as dúas liñas automáticas. Tamén a educación, sanidade e as industrias enerxéticas secundan maioritariamente a folga.
Na educación, segundo o Goberno, hai un 38,50 % dos profesores en folga, con diferenzas entre primaria (42,35 %) e secundaria (34,66 %). Unhas cifras netamente inferiores ás anunciadas polos sindicatos, que falan dun 70 % de profesores en paro en primaria e un 65 % en secundaria e nos institutos.
Os turistas tiveron que renunciar a visitar moitos lugares simbólicos, como a Torre Eiffel e o Palacio de Versalles, pechados durante todo o día.
Como punto culminante da xornada hai convocada unha manifestación en París, que segundo o sindicato CXT (Confederación Xeral do Traballo), vai reunir máis dun millón de persoas. Tanto esta central como a CFDT (Confederación Francesa Democrática de Traballadores), coinciden en que as protestas continuarán nos próximos días, a menos que o Goberno dea marcha atrás e paraliza a tramitación do seu proxecto.