Fochancas, caídas de árbores e desvíos por desprendementos, principais afeccións na rede de estradas autonómicas
Fochancas, caídas de árbores e desvíos por desprendementos, principais afeccións na rede de estradas autonómicas
Continúan os desvíos na autovía do Morrazo, polo desprendemento dun noiro, e na AG-57 (entre Vigo e Baiona), por outro desprendemento
Fochancas pola acción da intensa e persistente choiva, caídas de árbores e outros elementos, así como dous desvíos activos por desprendementos (na autovía do Morrazo e na AG-57 entre Vigo e Baiona) son as principais afeccións na rede de estradas autonómicas de Galicia debido ao mal tempo que afecta á comunidade desde hai semanas.
Así o constatou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen este xoves se reuniu con coordinadores de conservación e explotación da rede de estradas autonómicas.
Entre outros datos, a cita serviu para comprobar que o distrito de Lugo sur utilizou xa o mesmo volume de fundentes que nos últimos catro anos xuntos. E en Ourense, no que vai de campaña, tiveron máis da metade das incidencias dos últimos cinco anos.
En declaracións aos medios de comunicación ao termo do encontro, a conselleira reivindicou a planificación e as tarefas de vixilancia, conservación e mantemento "diario" fronte a estas semanas de "situación climatolóxica adversa". Hai "reténs diarios" que actúan as "24 horas do día, os 365 días do ano", subliñou. E "nestas épocas", segundo engadiu, ven "incrementados".
Por parte da Xunta, resaltou que "se acaban de renovar, por 175 millóns de euros, ata 2029", os sete contratos de mantemento, que implican a 325 traballadores, máis de 100 vehículos de transporte e 400 de maquinaria pesada e lixeira. A iso sumou o persoal propio da Administración autonómica, "en total máis de 600 traballadores".
Allegue viu "moi claro que para velar pola seguridade viaria é necesaria a conservación e o mantemento", e por iso é polo que o Goberno galego destine 71 millóns en 2026 a este fin.
Con todo, pediu "prudencia" para circular polos 5.478 quilómetros que compoñen a rede autonómica de estradas, por mor das alertas "continuas" que se están decretando en territorio galego.
En calquera caso, comentou que "só" se manteñen desviadas neste momento dúas estradas: a autovía do Morrazo, polo desprendemento dun noiro, e a AG-57 (entre Vigo e Baiona), por outro desprendemento.
Preguntada pola deterioración que están a ocasionar as precipitacións nas estradas autonómicas, indicou que o máis habitual son "caídas de árbores, elementos que caen na calzada", e valorou a coordinación co 112 e os reténs diarios que "rapidamente" permiten actuar.
Así mesmo, referiuse ás fochancas nos firmes pola choiva. "Unha vez terminen, xa se fará o reforce do firme con carácter máis duradeiro", apuntou.
En canto aos fondos para estes labores, asegurou que "son suficientes", tendo en conta que houbo un incremento, segundo os seus números, do 30 % respecto ao anterior contrato, o que se traduce neses máis de 70 millóns para 2026. "Significa 32.000 euros por cada quilómetro. O orzamento é suficiente. Non se trata só de crear novas infraestruturas senón de conservar e manter", subliñou.
As estatais, "moito que desexar"
Respecto á situación das estradas estatais, lamentou que "deixa moito que desexar" e lembrou que por este motivo xa se remitiu "moitas veces" ao ministerio, "para solicitar conservación e mantemento".
"Pedimos á administración central que teña a mesma deferencia e a mesma responsabilidade coas infraestruturas", remachou a titular da consellería.