Fito para a ciencia: descobren unha nova microalga na ría de Vigo
Investigadores do Centro Oceanográfico atoparon unha especie descoñecida, a Thecadinium brassicum
É un ser diminuto e fuxitivo que escapa da luz ocultándose baixo os graos de area
Non pasa todos os días e pode non chegar a pasar en toda a carreira de moitos científicos. Pero pasou en Vigo. Conseguiuno un grupo de investigadores de microalgas do Centro Oceanográfico de Vigo, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas.
Durante o seu labor cotián de exame de microalgas foron quen de identificar unha nova especie que vive, cando menos, en varias praias da propia ría. É un ser diminuto, que mide só trinta micrómetros, e que foxe da luz ocultándose detrás dos graos de area así que, por suposto, só se pode ver a través do microscopio.
"Normalmente, cando descobres algo novo, non vas pensando que vas descubrir algo novo", explica María García Portela, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo. "Hai algunhas especies que xa coñeces pero hai outras que non e simplemente tes curiosidade..., a ver que é isto, a ver se medra, a ver se xera toxinas, que ao final é ao que nos dedicamos neste departamento".
Os investigadores comprobaron que esta nova especie non produce toxinas así que non é perigosa para o ser humano nin para o sector marisqueiro. Como descubridores teñen dereito a bautizar o achado, en concreto a poñerlle o apelido da clasificación científica. E nomeárona Thecadinium brassicum, "brassicum" porque lles ten forma de repolo.
"Sentes que estás facendo un pouco de historia, estás colaborando a descubrir e a poñerlle un nome a algo que antes non estaba descrito e facelo aquí, en Galicia, paréceme un orgullo", resume a investigadora.
O Instituto Español de Oceanografía enviou unha mostra da nova microalga a un arquivo oficial en Dinamarca. Ademais, gardarán os cultivos na colección do propio centro en cabo Estai, unha especie de biblioteca onde poden acudir outros científicos para estudar o novo descubrimento.