Publicador de contidos

Publicador de contidos

Filloas, orellas, flores, chulas, bica e rosquillas adozan o Entroido galego

Filloas, orellas, flores, chulas, bica e rosquillas adozan o Entroido galego

Medra a venda de larpeiradas tradicionais porque cada vez fanse menos nas casas

As orellas e as filloas, con ou sen recheo, son as máis demandadas

G24.gal 19/02/2023 12:19 Última actualización 19/02/2023 13:18

A tradición gastronómica do Entroido complétase coas larpeiradas máis doces. É tempo de filloas, orellas, flores e rosquillas. Feitas na casa ou compradas en panaderías e pastelerías, estes días monopolizan as sobremesas

As orellas e as filloas, con ou sen recheo, son os doces máis demandados. A súa venda non deixou de medrar nos últimos tempos porque levan traballo e en moitos fogares deixaron de facerse.

"A moitas facémosllelas nós porque non saben. Se as fai a nai ou a avoa, si, pero se non tes nai ou avoa, ou non teñen tempo... Eu vexo que encarga moita xente, porque a xente nova non sabe facelas", explica Belén Navarro, da pastelería de San Roque.

Ovos, fariña, azucre e leite son os ingredientes básicos destas larpeiradas tradicionais. Na pastelería de San Roque, en Santiago, venden a 1,50 as orellas e a 1,30 as filloas.

"Agora subiron un pouco porque levaban sen subir dez anos ou así. O que pasa é que este ano non se pode. A nata encareceuse o dobre, a crema non tanto, pero sobe o ovo, o azucre, todo. Entón hai que subilas un pouco. Intentamos non subilas ao prezo que soben as cousas".

Así e todo, contan con que as vendas non baixen. Máis ben, todo o contrario. Despois da pandemia seica hai máis ganas de celebrar.

"O roscón de reis sempre foi moi bo pero este ano máis ca nunca, penso que nunca vendemos tanto. E as orellas espero que tamén porque a xente está desexando xuntarse, comer..., todo o celebramos comendo sobre todo os galegos. Penso que vai ser mellor que outros anos".

Rosquillas, chulas, flores ou a clásica bica de Laza completan a oferta doce do Entroido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade