Nas Filipinas evacúanse case un millón de persoas ante a chegada do supertifón Fung Wong
O país aínda non se recuperou do devastador paso do tifón Kalmaegi, que esta semana causou máis de 220 mortos
As previsións apuntan a que o vento chegará aos 185 quilómetros por hora con refachos de ata 230
O supertifón Fung-wong, con ventos sostidos de 185 quilómetros por hora e refachos de ata 230 km/h, espérase que toque terra á última hora do domingo e que afecte practicamente a todo o arquipélago, con choivas intensas e marusías ciclónicas.
As autoridades ordenaron o peche de escolas e oficinas gobernamentais na illa principal de Luzón, incluída Manila, onde preto de 300 voos foron cancelados.
As Filipinas, situadas no cinto de tifóns do Pacífico, enfrontan ao redor de vinte tormentas tropicais ao ano e sofren con frecuencia inundacións e actividade volcánica.
A chegada de Fung-wong prodúcese cando o país aínda non se recupera do devastador paso do tifón Kalmaegi, que esta semana causou máis de 220 mortos e máis dun cento de persoas desaparecidas, segundo a Oficina Nacional de Defensa Civil.
O presidente filipino, Ferdinand Marcos Jr., mantén vixente o estado de emerxencia nacional e pediu á poboación extremar as precaucións. En Vietnam, onde Kalmaegi tocou terra o venres, as autoridades confirmaron polo menos cinco falecidos e tres desaparecidos, ademais de 2.800 vivendas afectadas e máis de 1,3 millóns de fogares sen electricidade.
O sueste asiático afronta unha tempada de tormentas excepcionalmente activa: con Kalmaegi e Fung-wong, xa son 27 tifóns os rexistrados este ano. Os expertos atribúen esta intensidade ao quecemento do océano, que alimenta sistemas máis extensos e destrutivos.