Máis de 600 veciños desaloxados e 33 estradas cortadas por inundacións en Andalucía
Os afectados foron realoxados en instalacións municipais, hoteis e casas de familiares e algúns tiveron que ser evacuados en helicóptero ou en lancha pneumática
Na rede viaria andaluza 33 estradas secundarias permanecen cortadas ao tráfico por inundacións
En Xerez, todos os ollos seguen postos no caudal do río Guadalete, que ás nove da noite pasada chegou aos 6 metros e 25 centímetros de altura ao seu paso pola localidade gaditana.
Nunca antes baixara tan cheo o río, o que obrigou a desaloxar 650 veciños das casas máis próximas. Foron realoxados en instalacións municipais, hoteis e casas de familiares.
Algúns deles tiveron que ser evacuados en helicóptero ou en lancha pneumática.
Nas últimas horas o nivel do Guadalete baixou tres centímetros, pero non se espera unha mellora inmediata da situación.
"Temos que trasladar unha mensaxe de responsabilidade e prudencia porque aínda que non houbo crecemento, practicamente mantense estable o leito".
Máis favorablemente evoluciona a enchente do Guadalquivir ao seu paso polo concello de Villacarrillo, na provincia de Xaén.
"- Son currais o que hai abaixo, e pouco máis. En principio o que é casa, aínda non chegou a ningunha.
- E os veciños?.
- Os veciños, coma sempre, co medo no corpo e asustados".
Os que xa puideron regresar aos seus fogares son os 240 veciños desaloxados pola enchente do Guadarranque na provincia de Cádiz.
Os efectos do temporal aínda se seguen notando na rede viaria andaluza, onde 33 estradas secundarias permanecen cortadas ao tráfico por inundación.