Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fernando Jáuregui: "Da estratexia da confrontación imos pasar á estratexia da competición"

Fernando Jáuregui: "Da estratexia da confrontación imos pasar á estratexia da competición"

O xornalista agarda que a presidencia de Fejóo no PP supoña cambios nos modos políticos, cunha actitude "máis concertada, mais pactada"

Jáuregui agarda que a entrada de Vox nos gobernos modere as posicións da formación de extrema dereita

G24.gal 11/03/2022 11:15

O Parlamento de Galicia reúne este venres algunhas das voces máis importantes do xornalismo de crónica política do contorno lexislativo, nunhas xornadas en que vai participar a Compañía de Radio Televisión de Galicia, como voz dos medios públicos galegos.

O debate está organizado polo Foro Periodismo 20-30. O seu presidente, o xornalista Fernando Jáuregui, analizaba no Bos días as claves da política actual, comezando polo cambio de ciclo no Partido Popular, unha vez que Alberto Núñez Feijóo asuma a presidencia dos populares. "Creo que o cambio vai ser fundamental. Da estratexia da confrontación imos pasar á estratexia da competición", cre Jauregui.

"O propio Feijóo dixo que 'eu non estou aquí para insultar a Pedro Sánchez, senón para gañarlle', e iso xa me parece un avance, porque ata o de agora estaban insultándose. Había que ver como eran as sesións de control parlamentario", lamenta o xornalista cántabro ao analizar como viñan sendo os debates políticos dos últimos tempos.

"Eu vexo que todo o mundo recibe con moita esperanza a Feijóo, esperanza de encontro, doutra política, máis concertada, mais pactada. Eu supoño que cousas como o CXPX agora se acordará a renovación, e tamén outras moitas cousas. Creo que o propio Feijóo está nesa disposición", espera Fernando Jáuregui.

O presidente do Foro Periodismo 20-30 agarda novas actitudes no panorama político. "O Goberno central? Eu creo que tamén. Creo que se deu conta de que, en fin, estamos en novos tempos", asegura. "E que xa non sei que ten que pasar para que a nosa clase política se dea conta de que estamos nunha guerra, nunha pandemia, nun follón de todos os diaños, que os presupostos económicos saltaron polos aires".

"E creo que esa idea vai calando e Feijóo chega nun momento moi importante. E eu persoalmente penso e por fin chega. Eu levo cinco anos preguntándolle, cada vez que tiña a oportunidade de entrevistalo, 'cando vai cruzar o Miño?' E el sempre ría de min. Esta vez era en serio", relata Jáuregui.

Respecto ao pacto en Castela e León entre o PP e Vox, cre que a entrada da extrema dereita no Goberno "era inevitable".

Jáuregui é dos analistas que cre que a participación dos de Abascal nos gobernos moderará o discurso de Vox: "Eu espero dúas cousas: se o PP quere gañar as próximas eleccións xerais, terá que facelo pactando con Vox, non ten outra solución; e espero que ocorra outra cousa, que Vox dalgunha maneira amaine as súas propias tormentas internas, con outra linguaxe diferente e un terminoloxía diferente. Senón non ten ningún sentido que un señor se converta en vicepresidente dunha comunidade autónoma cando as súas propostas son antiautonomistas".

Sobre ese proceso de asimilación de Vox ao sistema democrático, Fernando Jáuregui pon como referencia o ocorrido na dereita española na transición á democracia. "Eu creo que esta vez, como ocorreu con Manuel Fraga, que no seu momento amainou os fumes da dereita, da dereita máis extrema e máis radical, e integrala nun partido. Non digo que Vox se vaia integrar no PP, pero Vox para ser un partido de goberno, se é que algunha vez chega, terá que moderar os seus ímpetos, e iso vai ocorrer xa en Castela e León", asegura.

En canto ás disputas internas no Goberno, á conta da guerra en Ucraína, o xornalista réstalles interese. "Creo que os medios de comunicación lle estamos dando demasiada importancia a Unidas Podemos. Agora mesmo no Goberno non pinta nada, as cousas como son. Son basicamente dúas ministras moi vociferantes que aproveitan calquera ocasión para dar titulares, porque non teñen ocupación, non están nos temas de Estado", afirma Jáuregui.

"Creo que esaxeramos cando se di 'o Goberno está partido'. E non, o Goberno neste asunto está bastante unido e hai dúas señoras que xa non se atreven a dicir nada porque a súa xefa política que é unha señora moi, moi sensata...", cre Fernando Jáuregui. "Ben, non sei se é a súa xefa política Yolanda Díaz, pero algo parecido a iso, pero é unha persoa moi sensata, que terá un papel moi importante na política deste país. Polo menos eu é o que espero. E díxolle: 'Deixade de xogos e de guateques, que non é o momento', e non é o momento", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar